A Fundación Pondal e 15 colexios recuperarán o legado mineiro

á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

<span lang= gl >Lembrando a Parga Pondal</span>. Imaxe do fundador de Titania, Isidro Parga Pondal -terceiro pola esquerda-, visitando as instalacións de Balarés.
Lembrando a Parga Pondal. Imaxe do fundador de Titania, Isidro Parga Pondal -terceiro pola esquerda-, visitando as instalacións de Balarés. arquivo instituto xeolóxico de laxe< / span>

EducaBarrié acaba de aprobar unha axuda para o proxecto, no que participarán un milleiro de alumnos

17 ene 2013 . Actualizado a las 15:05 h.

O pasado mineiro de Ponteceso e Laxe e o traballo xa desenvolvido con anterioridade pola Fundación Eduardo Pondal para recuperar a memoria das dúas empresas que creou ou xestionou o xeólogo Isidro Parga Pondal terán translación ao eido educativo grazas a un proxecto colaborativo que acaba de recibir un importante pulo por parte da Fundación Barrié.

Titania: Conciencia do noso pasado é o título desta iniciativa que, aproveitando a conmemoración dos 50 anos do peche da explotación de titanio impulsada en Balarés por Parga Pondal, recuperará tanto a historia de Titania S.A. como da outra empresa posta en marcha a poucos quilómetros de alí, Kaolines de Lage.

A proposta para converter este legado industrial, histórico e social en contidos educativos foi elaborada pola Fundación Pondal en colaboración con vinte profesores dos centros de primaria e secundaria de Ponteceso, Cabana e Laxe, ademais de dúas unitarias de Malpica, de tal xeito que o seu desenvolvemento involucrará a mil alumnos e a un cento de docentes.

O seu programa incluirá actividades nas aulas e charlas por parte de expertos de entidades como o Centro Superior de Investigacións Científicas, o Instituto Xeolóxico e Minero de España, ou a propia Fundación Barrié, nas que abordarán ese pasado mineiro desde unha tripla perspectiva (as ciencias, as artes e as letras) e que en ocasións, gardarán unha estreita relación, Así, coa colaboración de representantes de Cerámicas do Castro, falarán por exemplo da importancia que durante anos tivo o caolín laxense na elaboración das famosas creacións de Sargadelos.

Ademais, aproveitaranse os dous documentais sobre as dúas explotacións elaborados pola Fundación Pondal, segundo avanzou onte un dos seus patronos, Xosé María Varela, que tamén explicou que os actos desenvolveranse ata o mes de maio e rematarán cunha xuntanza de todos os alumnos e profesores en Balarés.

Os centros participantes son o os CEIP As Forcadas e Eduardo Pondal; o IES de Ponteceso; os CPI As Revoltas e Cabo da Area, os CRA Os Remuíños e Nosa Señora do Faro, e as escolas unitarias de Mens, Barizo, Brantuas, Pazos, A Campara, Xornes, Tella e Ponteceso.