Cans reivindica a memoria dos seus mártires no centenario da traxedia

PORTO DO SON

MARCOS CREO

Veciños e familiares das vítimas uníronse ao BNG para render homenaxe aos que se defenderon da inxustiza

13 oct 2016 . Actualizado a las 05:35 h.

Foi un 12 de outubro, hai cen anos. Ese día, a parroquia sonense de Nebra tinguiuse do vermello do sangue de ducias de veciños que saíron á rúa para oporse a un pago extraordinario imposto polo Concello derivado da mala xestión económica dos que daquela ocupaban o goberno local. Non foi, como onte lembrou Francisco Calo, coñecido como Paco do Martelo, un acto de resistencia contra o centralismo español nin un acto político. Os participantes naquela protesta na que houbo ducias de feridos e cinco persoas perderon a vida a tiros da Garda Civil só buscaban defenderse da inxustiza, e esa lembranza é a que onte quixeron manter viva os veciños e familiares das vítimas ao cumprirse o centenario da traxedia.

Dende hai dezasete edicións, o lugar onte tivo lugar o enfrontamento coa Garda Civil, a ponte de Cans, convértese nunha sorte de altar no que con flores e palabras se trata de conservar o recordo dunha xente que simplemente protestou por algo co que non estaba de acordo: «Aquí en Nebra, os veciños defenderon o seu dun pago inxusto imposto a todo o concello». Esta afirmación fíxoa durante o acto de onte Paco do Martelo, a persoa que promoveu a primeira homenaxe aos mártires e que, como recordou, recolleu o ocorrido aquel 12 de outubro de testemuñas directas da masacre como a señora María e o señor Pepe.

Logo, descendentes das vítimas, foron sumándose ao seu recordo nun acto que onte, quizais con motivo do centenario, estivo especialmente concorrido e contou coa participación de membros de distintos partidos políticos.

Organización conxunta

A homenaxe estaba organizada por veciños e familiares, así como polo BNG, que dende hai anos vén participando activamente na conmemoración da matanza que tivo lugar en Nebra e que onte contou cunha nutrida representación de militantes de toda a bisbarra. Os nacionalistas buscan nesta iniciativa o recoñecemento a unha historia de «resistencia, silenciada e ocultada pese á súa dimensión» e, ao mesmo tempo, denunciar «a falsa e interesada idea dun pobo dócil e submiso co poder central».

Tamén participou o historiador Francisco Leira Castiñeira, que lembrou o ocorrido en Cans no 1916 e o puxo en relación con outros sucesos que tiveron lugar en outros sitios de España e de Galicia. O himno galego puxo o punto e final a un acto sinxelo e emotivo a partes iguais que a bo seguro terá continuidade unha vez superado un centenario que se está conmemorando con diversas actividades.

De feito, onte tivo lugar a presentación de Os tráxicos sucesos en Cans 1916. Cen anos na lembranza, obra de Manuel Mariño del Río, nun ateigado local veciñal de Nebra. Un cento de persoas arrouparon ao autor e a Xerardo Agrafoxo, a deputada Ánxela Franco e Xoán Pastor Rodríguez, que o acompañaron.