José Manuel Caamaño, candidato do PP: «Sempre tiven moita vocación política e, neste sentido, son de Mazaricos e estou preocupado»

Xoán Ramón Alvite Alvite
X. R. ALVITE MAZARICOS / CORRESPONSAL

MAZARICOS

MARCOS CREO

O popular afronta o reto de recuperar a alcaldía dun concello no que o seu partido gobernou durante 20 anos consecutivos

01 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural da parroquia de Arcos, José Manuel Caamaño López (Mazaricos, 1979) é doutor en Teoloxía pola Universidad Pontificia Comillas, de Madrid, na que exerce de profesor titular, ademais de ser membro da comisión de doutoramento da mesma institución. Dende fai pouco máis de dous meses, é tamén o máximo responsable do PP de Mazaricos e a persoa escollida polos militantes e simpatizantes para ser o candidato da formación nas eleccións locais do vindeiro 28 de maio.

—Como se definiría para os que aínda non o coñezan?

—Pois son unha persoa absolutamente normal, un veciño máis ao que lle gusta levar un tipo de vida sinxela e tranquila e que, coma tantas persoas de Mazaricos, fun buscar a vida onde puiden. Considérome traballador e perseverante, serio e rigoroso no traballo, con moita vocación de servizo, gústanme as cousas claras, e con ganas de traballar polo meu concello.

—É a primeira vez que participa de xeito directo en política. Que lle levou a dar este paso?

—Hai varias razóns que me animaron a facelo. A verdade é que sempre tiven moita vocación política e, neste sentido, son de Mazaricos e estou preocupado polo futuro da miña terra. Especialmente nun momento importante coma o actual no que hai que tomar partido e contribuír a un cambio de rumbo que considero moi urxente. Ademais, despois de ter estado en cargos directivos nos que tiven que xestionar presupostos, proxectos e relacionarme con empresas, penso que teño as habilidades necesarias para poñelas ao servizo de Mazaricos e contribuír a que o concello non siga perdendo oportunidades de futuro. Estou vendo que moita xente está cansa da situación actual e espera unha alternativa seria que xere ilusión e esa será a do PP.

—Neste momento está compatibilizando a súa labor docente en Madrid coa precampaña en Mazaricos. Como asume ese reto?

—Teño que agradecerlle á miña universidade que me facilitara as cousas para vivir en Mazaricos e poder dedicarme unicamente ao concello, pois é o meu único interese. Pero é un reto que asumo con ilusión e con sentido da responsabilidade. Para min ser alcalde non é un fin en si mesmo, senón o medio que temos para facer o posible polo ben de cada persoa que queira vivir aquí. Penso que non hai nada máis reconfortante e ilusionante que poder facer cousas para que todos os veciños poidan vivir mellor, e ese é o meu obxectivo.

—Falaba na súa presentación da escasa evolución do concello nestes últimos anos. Cales son, ao seu entender, as súas principais eivas?

—Falaremos diso cando chegue o momento, aínda que penso que hai un desenfoque xeral na xestión e visión do Concello de Mazaricos. Abondaría con ver as infraestruturas e o penoso estado de todas as vías, que xa é moi visible por máis que agora non dean feito botando zahorra polos camiños ou dando servizo de auga a algúns lugares. Calquera veciño sabe que non se pode facer ben en dous meses o que non se fixo en oito anos. Un concello non se goberna a base de vender fume nos medios, porque o primeiro para poder difundir a riqueza da nosa terra, o noso patrimonio ou a nosa gastronomía é ter o municipio nunhas condicións aceptables, cousa que non se fixo nos últimos anos. Abonda un exemplo: por Mazaricos pasa un tramo do Camiño de Santiago e faise o posible por difundilo. Pero cando un fai esa ruta e pasa pola nosa localidade atópase con que é o tramo en peores condicións desde Santiago ata Fisterra. Insisto en que o primeiro e máis importante que debe facer un goberno é procurar ter o territorio en boas condicións.

—Que sería o primeiro que faría se resultase elixido alcalde tralas eleccións do 28M?

—Hai moitas cousas por facer e dirémolo cando presentemos o programa. Neste momento o que estamos facendo é traballar en varias frontes. Por un lado, percorrendo cada lugar do municipio para concretar as necesidades máis urxentes, e por outro, mantendo un permanente contacto coas distintas Administracións e responsables da Xunta de Galicia para conseguir compromisos de futuro co noso concello. Estamos traballando nun programa que será ambicioso pero realista, e no que os protagonistas sexan tódolos veciños, desde os nenos ata os maiores pasando polos traballadores, empresas e empresarios dos distintos sectores. Non podemos permitir que Mazaricos siga en declive, porque as consecuencias poden ser nefastas.