Boiro desfilou pola mañá e foise de festa cando marchou o sol

BOIRO

Cocó e os más pequenos do Abanqueiro encabezaron a marcha.<span lang= es-es > </span>
Cocó e os más pequenos do Abanqueiro encabezaron a marcha. c. q.< / span>

A tradicional marcha estivo presidida por integrantes do Abanqueiro

06 jul 2015 . Actualizado a las 14:22 h.

As rúas de Boiro tinguíronse pola mañá de cor, a que puxeron os grupos tradicionais e folclóricos que desfilaron pola avenida da Constitución e a rúa Principal. O parque da Cachada foi o punto elixido pola organización para que se xuntaran os participantes. Encabezando a comitiva estaba a Banda Municipal de Música de Boiro, e tras eles varios coches descapotables onde viaxaban membros do club Abanqueiro de fútbol. Dende os máis pequenos ata o seu presidente que, como se da cabalgata do Día de Reis se tratara, repartiron caramelos.

O desfile completárono os grupos tradicionais Xilbarbeira, Abeloura e Aroña, o Ballet Folclórico Boirense, os gaiteiros O Ar de Loureda e Da Volta do Monte e o grupo de percusión de Viana do Castelo Treboada Portuguesa de San Sebastiao-Darque. Como novidade, este ano o grupo Boiromotos pechou a marcha para facer promoción da concentración moteira que realizarán na localidade os días 24, 25 e 26 de xullo. A ruta deseñada para o desfile tiña como punto final a praza do Concello, alí dispuxéronse varios altofalantes para que os grupos de baile boirenses mostraran as súas habilidades.

Concerto de percusión

Con este acto a parte destas festas de verán de Boiro dedicada á tradición musical e cultural galega, que tivo o seu epicentro o sábado, foi deixando paso a outros eventos onde imperou a modernidade. Un deles foi o concerto que ofreceu a Banda de Música Municipal conxuntamente co grupo de percusión Odaiko. Unha mestura de dous estilos ben diferenciados, pero cun resultado pensado para non deixar a ninguén indiferente.

Ao peche desta edición, os boirenses preparábanse para non parar de bailar na verbena coas orquestras Gran Parada e Costa Oeste. Cara a media noite o programa tiña marcado un dos puntos fortes, a tirada de fogos de artificio. Este ano íanse lanzar no tramo final da rúa Avellaneda.

As peñas son hoxe as protagonistas

Os actos festivos preparados para o día de hoxe teñen ás peñas como as grandes protagonistas, xa que para algo é o seu día. A partir das 12.00 horas comezarán as actividades propostas pola asociación cultural Borobó. Carreiras de sacos, probas de velocidade cos participantes subidos a zapatos de tacón ou tiro con arco son algúns dos xogos preparados para gozar a xornada de hoxe. Dende as 16.00 horas haberá festa no Estrella del Mar ata a madrugada, e dende as 17.00 no cámping de Barraña. A verbena das 22.30 horas estará amenizada por Sintonía de Vigo e Marbella.