O activista que loita coas palabras

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Gran defensor do galego, o ribeirense ten media ducia de libros publicados

25 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un cuarto de século, cando boa parte da vida transcorría en castelán, un adolescente de Ribeira tomaba conciencia da necesidade de coidar un idioma que corría un serio perigo. Carlos Callón mergullábase entón nunha batalla na que segue a pelexar a día de hoxe, unha guerra na que a palabra é a única arma. O seu obxectivo non é outro que conseguir que, quen así o decida, poida vivir en galego.

O ribeirense vincula á súa nenez os motivos que o levaron a converterse en activista: «De pequeno escoitaba na casa falar en galego, pero era consciente de que a lingua do poder, a escola, a igrexa, o médico... era outra. Fun asumindo e interiorizando aquel escenario e foi na adolescencia cando me decatei de que non era xusto. Entendín que había que implicarse». E non tardou en facelo. Sendo alumno de segundo de Bacharelato xa lideraba a Mesa Pola Normalización Lingüística nas comarcas de Barbanza e Muros-Noia, e na universidade era o responsable das mocidades de dito colectivo, no que despois exercería a presidencia. Foi no período comprendido entre os anos 2002 e 2014. «Si, teño moito da miña vida nesa asociación», confesa.

O tempo que levaba como cabeza visible e a necesidade de desenvolver outras facetas levárono en abril a propiciar o relevo. Cedeu o bastón de mando, pero a súa cabeza quedou chea de momentos inesquecibles. Un deles, a manifestación que tivo lugar en Santiago o 17 de maio do 2009: «Foi unha imaxe que me emocionou moito e que me obrigou a conter as bágoas. Era a primeira protesta convocada trala entrada de Feijoo na Xunta, despois de que se expuxera incluso a derrogación da lei de normalización lingüística. Conforme me ía achegando á alameda íanme comunicando que a autoestrada estaba colapsada e os trens cheos».

Unha espiña cravada

Esa gran capacidade de mobilización que teñen os galegos que non se resignan a ver como a súa cultura desaparece é para Callón a gran recompensa da súa loita. Por contra, a espiña que lle queda cravada tralo seu paso pola presidencia da Mesa é «a mágoa de ver que a caída de falantes continúa; freáronse agresións, pero a liña de galegofobia dos poderes públicos non desapareceu».

Aínda que non sexa desde a primeira liña, o ribeirense nunca abandonará a loita ata ver a igualdade real de oportunidades: «Quero que cada un escolla se quere vivir en galego ou en castelán pero, para iso, ten que haber igualdade de oportunidades e unha formación axeitada».

Faceta literaria

Para tratar de orientar ou axudar a aquelas persoas interesadas en vivir en galego, Carlos Callón publicou tres ensaios sobre o idioma: En castellano no hay problema; Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, obra que conta cos premios Vicente Risco e Fervenzas Literarias; e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. O ribeirense refírese a este último coma o seu pequeno best seller e razón non lle falta. Tal é a demanda que rexistra esta obra que está a piques de saír a quinta edición.

A maiores, Callón ten outros tres libros publicados: Unha historia que nos pertence, que é un ensaio sobre a figura do poeta Lorenzo Varela; Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media; e Atravesar o fantasma, unha compilación de poemas que veu a luz a finais do ano pasado e da que se está a preparar unha exposición para o seu lanzamento.

Nesta batalla, na literaria, é na que o ribeirense quere seguir lidando a partir de agora: «Quero dedicarlle tempo a proxectos que levan moito tempo aparcados». Seguirá, como non, defendendo o idioma e a cultura de Galicia, aínda que descarta facelo desde un escano que non sexa o que emprega para escribir.

carlos callón escritor

Orgullo barbanzano