O Concello noiés solicita a adhesión da área de rehabilitación ao plan estatal de vivenda

Noia / la voz < / span>

BARBANZA

29 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello noiés remitiu onte un escrito á consellería de Medio Ambiente polo que expresa a súa vontade de asinar os novos acordos de financiamento para a área de rehabilitación integral no marco do plan estatal de vivenda. Neste sentido, o edil de Urbanismo, Bieito González, criticou a tardanza «na que incorreu a Xunta ao adecuar a lexislación galega á estatal».

O concelleiro refírese ao feito de que o plan de vivenda do Estado comprendía o período 2013-2016 e, dada a demora na convocatoria, González precisa que «do actual plan estatal só poderemos aproveitar dúas anualidades, sen deixar de mencionar que xa non se financian as oficinas de rehabilitación, que no caso concreto de Noia sufráganse con cargo aos fondos propios».

O nacionalista manifestou que as áreas de rehabilitación teñen por obxecto a mellora dos conxuntos urbanos ou áreas rurais de interese arquitectónico, polo que resulta de gran importancia contar coas axudas precisas para esta finalidade.