As orixes da Pascua

ISOLINA LORENZO FERNÁNDEZ

FIRMAS

Existen evidencias da celebración anteriores á cristiandade na honra de Eostre, deusa da primavera

26 abr 2014 . Actualizado a las 23:10 h.

As orixes da Pascua cristiá son pagás, de herdanza xermánica e produto da evanxelización e do sincretismo relixioso. Segundo Beda, o Venerable, a palabra Pascua deriva de Ostara ou Eostre, a deusa pagá xermánica da primavera e a luz. Coincidiría esta celebración co equinoccio de primavera, o 21 de marzo, cando a natureza xorde despois do inverno.

Easter como se coñece en inglés, debe o seu nome á deusa xermánica do amencer, a deusa da primavera e da fertilidade. En grego, Pascha, que significa Pascua ou «pasar sobre» -nunca Domingo de Pascua-, que sería adoptado séculos máis tarde polos cristiáns. De aí o simbolismo dos coellos, que son moi fecundos, e dos ovos decorados que representarían os raios do sol.

En Inglaterra e América, os nenos agochan ovos de pascua traídos polos coellos, e crese que sería un vestixio dun antigo rito de fecundidade, xa que os coellos e os ovos representan a fertilidade. Existen evidencias de celebracións da Pascua anteriores á cristiandade, na honra de Eostre, ou deusa da primavera, que outorgaba a fertilidade e foi adaptada e unida aos ritos cristiáns. Esta deusa era coñecida tamén como Istar, a deusa asiria do mañá, do futuro.

No Antigo Oriente Medio, a xente estaba conectada coa terra e o ciclo natural da agricultura. A fertilidade da terra era esencial para a supervivencia, polo que a chegada da primavera celebrábase coa adoración aos seus deuses, e numerosos ritos dedicados a promover a fertilidade.

Os fenómenos de sincretismo relixioso eran moi comúns durante a evanxelización doutros pobos, de xeito que mesturaban os ritos pagáns, que eran moi populares, con temas relixiosos, dando lugar a unha reinterpretación dos ritos e dos costumes dos diferentes pobos, como se documenta coa evanxelización de Irlanda por parte de San Patricio.

Datas variables

Na Pascua cristiá celébrase a resurrección de Xesús tres días despois de ser crucificado, marcando a fin da Semana Santa, á que seguen cincuenta días que se coñecen co nome de «tempo pascual», que remata co Domingo de Pentecoste. Os primeiros cristiáns, que eran xudeus, celebraban a pascua de resurrección ao mesmo tempo que a pascua xudía, ata que o Primeiro Concilio de Nicea (ano 325) estableceu a data da Pascua como o primeiro domingo despois da lúa chea tras do equinoccio de primavera no hemisferio norte. Debido a isto, a data da celebración varía entre o 22 de marzo e o 25 de abril; mentres que o cristianismo oriental basea os seus cálculos no calendario Xuliano, co que se celebra entre o 4 de abril e o 8 de maio. A Semana Santa comeza co Domingo de Ramos e remata co Domingo de Resurrección.

Os días máis importantes da Semana Santa son os formados polo Triduo Pascual: Xoves e Venres Santo, no que se conmemora a morte de Cristo, o Sábado Santo no que se lembra a Cristo no sepulcro, e o Domingo de Pascua coa Resurrección.

A expresión Pascua remite no mundo cristián á Resurrección que tamén se coñece como pascua florida pero tamén se usa para referirse a outras tres celebracións cristiás: o Nadal, a Epifanía e a Pentecoste. E para rematar, podemos dicir que aínda que as orixes da nosa actual Pascua son unha mestura de ritos pagáns e cristiáns, hai elementos comúns ao longo do tempo e dos diferentes lugares do mundo.

En Fisterra escenifícase a Resurrección de Cristo FOTo ANA GARCÍA