Nós non somos racistas

FIRMAS

15 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Nós non somos racistas, pero ó negro que vive no edificio do meu amigo Moncho todos lle chamamos O Negriño.

O rapaz -onte souben que o seu nome é Deneyba- chegou á cidade hai oito ou dez anos, e desde entón cotiza para a Seguridade Social, casou cunha loura filla dun patrón de pesca que o emprega e teñen un neno que fala galego con acento de Camariñas. Pero o negro segue sendo O Negriño entre os veciños (a pesar do seu metro oitenta e pico), e ninguén sabe dicir onde queda exactamente o seu país, porque nós non distinguimos entre Senegal, Zaire ou Nixeria. Cos negros pásanos o mesmo ca ós norteamericanos cos europeos, que non sabemos sinalar o seu país no mapa.

Dáse por feito que só puido chegar de polisón ou nunha pátera, e tampouco queremos saber porque vén dar a xunto de nós, que temos un clima tan diferente, e menos aínda se lle pregunta pola súa familia de orixe, como se non tivese pasado e viñese da nada, o cal me lembra tantas historias que se contan dos nosos emigrantes, que aínda non hai moito tamén chegaban a algún país máis rico abríndose paso con paciencia, fuxindo da policía, gardando a carraxe contra os insolidarios nativos e aguantando o que fose para poder mandar un xiro á casa. Todo o cal demostra que a memoria é moi selectiva e a solidariedade egoísta. Hai cousas que non se lembran, e as que lembramos non nos serven para corrixir os propios erros e orgullos.

En fin, que nós non somos racistas, pero? ¿Cantos negros hai no súper servindo as verduras, o peixe ou os embutidos de cara ó público?.

Descubrín a onde chegaba o rexeitamento ó outro no porto de Walbis Way, antes de entrar na década dos oitenta, mentres facíamos gasoil e non nos estaba permitido entrar en todos os bares se ías cunha negra de acompañante. Os españois viñamos de protagonizar un cambio radical, que era posto de exemplo en todos os foros. Empezábamos a estar de moda porque tiñamos unha constitución moderna segundo a cal todos eramos iguais ante a lei, independentemente da raza, das crenzas e ata dos títulos nobiliarios. Por iso criticábamos o mal que estaban naquel pais onde a cor da pel separaba e condenaba. Dicíamos que nós non eramos deses. Nós invitábamos a unha moza á discoteca sen molestarnos pola intensidade do seu negrume, e ós negros que viñan traballar a bordo dabámoslle un bocata igual có que tomábamos nós na hora de descanso. Ás veces, aínda que fose por señas ou chapurreando idiomas dispares, faciámonos entender con eles e pasmábanse cando nos vían beber da bota que circulaba de man en man, e que eles non sabían usar; e entón o contramestre pediulle ó cociñeiro algo para botarlles de beber, e o cociñeiro, enxaugou uns cacharros baleiros de salsa de tomate e neles botoulles o viño. Eu era un rapaz que saía por primeira vez polo mundo e díxenlles que lles desen un vaso, que con aquel cacharro ata podían cortarse os beizos, e a resposta foi que como lle ían dar un vaso a un negro, a ver quen ía beber logo por el.

E agora, despois da entrada masiva de inmigrantes no noso país, e cando xa é normal cruzarse cun negro na rúa, aínda nos custa entrar nun bar cheo de negros, ou comer do mesmo pan que tocou unha man escura, por moito que a fregase con xabón e estropallo antes de sentar á mesa.

Pero a pesar de todo, nós non somos racistas.