«Loitaremos para que a xente nova non teña que emigrar»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O desemprego é unha das grandes preocupacións da candidata sonense

06 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Josefa Hermo ten unha ampla traxectoria no aparato do partido socialista, tanto a nivel local -na agrupación de Porto do Son- como provincial, e agora afronta o reto de loitar por un escano no Hórreo para defender os intereses da comarca desde Santiago.

-Ata o de agora non ocupou ningún cargo de representación, ¿cal é a súa experiencia no eido político?

-Son secretaria de organización da agrupación de Porto do Son desde o 2008 e secretaria de formación do partido a nivel provincial. Entre as tarefas que veño levando a cabo está a coordinación e xestión das eleccións municipais e das xerais do 2011 na comarca de Barbanza.

-¿Que foi o que a fixo decidirse por dedicarse á política?

-O contacto cos veciños e coa cidadanía en xeral. Desde moi nova, sempre estiven vencellada a grupos e asociacións xuvenís tratando de facer cousas.

-¿Como se presenta campaña que acaba de comezar?

-Con moito traballo e laboriosa. Esta campaña tratamos de afrontala co día a día e con moito trato de proximidade coa xente, desde os mozos aos maiores. Tratamos de achegarnos a todos os colectivos en xeral.

-¿Cales son as propostas do PSOE en relación coa bisbarra?

-Tratar de erradicar o desemprego entre os mozos e os parados de longa duración con cargas familiares, que o están a pasar realmente mal. Tamén nos preocupan as persoas con dificultades de inserción laboral e, como non, prestamos especial atención ás mulleres. Tratar de mellorar as relacións e o contacto cos colectivos do mar é outro dos obxectivos. E tampouco nos esquecemos dos pensionistas e as persoas con discapacidade. Neste sentido, queremos ir da man das asociacións que traballan neste eido na comarca, que realmente fan un gran labor do que a maioría non somos conscientes.

-¿Cales son para vostede as grandes eivas desta comarca?

-Unha das principais lacras da nosa comarca é o desemprego. Vimos de coñecer o dato de setembro e a cifra é desoladora, somos a comarca onde máis se incrementaron as listas do Inem. Nós loitaremos para que os mozos non teñan que emigrar.

-¿Como valora a xestión do PP durante esta lexislatura no que respecta a Barbanza?

-Nefasta. Hai uns días o presidente da Deputación alardeaba da inversión de 500 millóns na nosa comarca; do que non presumiu foi de que a maioría desas obras están paradas.

Josefa Hermo Nº11 da lista do PSOE