Era visto o que podía chegar a pasar

José R. Cabeza

BARBANZA

17 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Se na década dos noventa do derradeiro século tivera unha columna de opinión neste xornal non escribiría de xeito moi distinto á de hoxe. De feito, os meus enfrontamentos co goberno socialista pobrense tiñan como causa a deriva económico-financiera daqueles intres nos que, como tesoureiro, carrexar o diñeiro para pagar as nóminas supúxome moitas noites de desvelo.

Pero o máis triste disto, que oxalá fose unha excepción, converteuse no decurso de todos este anos en norma na que, moi pola contra do que reflectiu Virxilio na Eneida, tirios e troianos si que se puxeron de acordo.

Soamente dende esa perspectiva se pode entender o Real Decreto Lei 7/2012, polo que se crea o fondo para a financiación de pagos a provedores, ou sexa, para pagar os pufos da metade dos concellos españois. Agora ben, convén que a cidadanía entenda este conto.

Unha das causas que motivou esta desfeita estivo en que moitos alcaldes, para non perder as vindeiras eleccións de turno, non repercutían os custos da prestacións dos servizos, botando man de cartos para outras finalidade,s o que, sinxelamente, supón unha ilegalidade, do mesmo xeito que mercar cousas ou facer obras sen consignación orzamentaria.

Na reseña do derradeiro consello de ministros a voceira, Soraya Saez de Santamaría, asegurou que esta era unha medida excepcional, algo así como a famosa lei de punto final arxentina, pero que se ían establecer medidas legais para que non se repita.

Ben, dende esa perspectiva pode asumirse, xa que rematar cos enfrontamentos seculares de España é un obxectivo plausible, pero o que debe quedar ben claro é que aqueles concellos que se vexan na necesidade de recorrer a este rescate estarán asumindo, de facto, que se cometeron algún dos delitos xa previstos na lexislación vixente, o que abrangue tamén ás deputacións, autonomías e ao propio estado español, ademais dun agravio e un trato discriminatorio con aqueles xestores dilixentes, así como un fracaso estrepitoso dos controles de legalidade no eido das administración públicas.