O Concello de Vilagarcía asume que o novo tepe que coloca na Lomba non é a solución final aos seus problemas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O goberno local salienta a complexidade de resolver o pésimo estado dun campo feito sobre unha xunqueira. O presidente do Arousa sinala que se deixou de pinchar e de resementar o terreo de xogo desde xa algo antes da pandemia

19 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«El estado del campo de fútbol de A Lomba no es bueno, evidentemente». O goberno local de Vilagarcía de Arousa recoñecía onte o que calquera persoa, sexa xogador, sexa afeccionado que leve acudindo nos últimos anos aos partidos disputados na instalación municipal ve semana tras semana. En épocas como a presente, coa chuvia devolvendo á memoria o recordo dos duros invernos galegos que se vivían antes do cambio climático, cun terreo de xogo no que a lama fai esquecer en moitas partes da Lomba que se trata dun campo de herba natural, e non de terra.

A fin de tentar cambiar a lamentable imaxe ofrecida polo recinto deportivo e, sobre todo, coa intención de reverter unha situación que está a penalizar o Arousa nos seus encontros como local, o Concello está a proceder á substitución do tepe da Lomba. Unha operación que os operarios dos departamentos municipais de xardíns, de obras e da Fundación de Deportes iniciaron a semana pasada e na que proseguían onte.

Desde o goberno local cifran nuns 5.000 euros o que é o maior investimento no céspede da Lomba desde a intervención posterior á última vez que o Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 se celebrou en Vilagarcía, no ano 2018. O que tarde en enraizar o novo céspede, sinalan desde Ravella, «dependerá del tiempo y también del uso». Neste punto, o vindeiro partido do Arousa como local está programado para dentro de dez días, o 29, no que o cadro arlequinado se xogará boa parte das súas opcións de poder rematar campión do grupo galego da Terceira e conseguir o ascenso directo no seu duelo co líder, o Deportivo Fabril.

Con todo, desde o executivo municipal dan por feito que o novo tepe non servirá para resolver o mal estado da Lomba de forma definitiva: «Si el problema es crónico, entonces es crónico, y parece evidente que una reposición parcial del tepe no puede ser la solución definitiva porque, entre otras cosas, el campo es una lomba —pequena elevación de terreo— en una zona que se conoce de antiguo como xunqueira, con todo lo que ello significa para la capa freática» do terreo de xogo.

O presidente do Arousa apunta ao mal mantemento do campo

«Nós estamos rezando a ver se o campo dá mellorado». O presidente do Arousa, Manolo Abalo, era onte categórico á hora de falar do pésimo estado do terreo de xogo da Lomba: «Agora mesmo é o noso inimigo número 1. Cando xogamos na casa, estamos máis preocupados polo noso campo que polo rival».

Abalo agradece que o Concello estea a proceder á substitución do tepe da Lomba, pero non dubida en cualificar a medida de «remendo». Con todo, pon as súas esperanzas en que funcione para recuperar minimamente o estado do céspede, confiando na axuda que a previsión de mellora das condicións meteorolóxicas a partir da vindeira semana poida prestar para que a nova herba se asente.

Dito isto, o presidente do Arousa, vencellado á xestión do club desde hai décadas, volve sinalar ao deficiente mantemento do campo como causa do seu lamentable estado. Neste sentido, calcula que desde algo antes da pandemia se deixou de facer o pinchado, areado e resementado que se acometía cada xuño e decembro.