O Kemegal Cortegada cifra nuns 8.000 euros o gasto extra de xogar a fase

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

A directiva buscará novos apoios para enxugar o custe, e felicítase polo éxito do plantel

30 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Serán quince días máis de nóminas, catro días de pensión completa en León, e o desprazamento ata aló. Dos 8.000 euros non baixarán os custes de participar na fase de ascenso». O vicepresidente e voceiro da Agrupación Deportiva Cortegada, José Gorgoso, botaba contas onte da que, por riba de todo, é unha grandiosa noticia celebrada polo club: a presenza cinco anos despois do seu primeiro plantel na concentración a oito que dirimirá os dous novos equipos na Liga Feminina.

Gorgoso fixaba neses 8.000 euros o orzamento mentres tentaba pechar antes de rematar o día o hotel en León «para que non nos suba moito». Máis cando o 23 de abril, a derradeira xornada da fase de ascenso, é o día grande da comunidade autónoma de Castela-León.

Visto o visto, a directiva do Cortegada ten previsto aproveitar as tres semanas previas á gran cita para «movernos e tentar recabar apoios extra» a nivel económico, informa Gorgoso.

Sobre a razón do traballo extra que se lles presenta aos responsables da entidade, o seu voceiro valoraba onte o acadado polo conxunto que dirixe Rubén Domínguez, cunha clasificación para a pelexa polo salto de categoría pechada a falta inda de dúas xornadas para a conclusión da fase regular: «Nós pensabamos que tiñamos un equipo moi competitivo, como se demostrou. Estamos moi contentos co traballo de todo ano do plantel».

 

A polo ascenso

Chegados a este punto, o adestrador do Kemegal Cortegada declaraba o luns que «a una fase de ascenso se va a ascender, no a mirar». José Gorgoso asentía onte: «O adestrador ten razón. Non se vai a unha fase de vacacións». En todo caso, subliña que «agora se abre unha incógnita. Todos os equipos son moi bos. Vai ser unha fase moi complicada. Imos ver que pasa». Do 20 ao 23 de abril, no parqué do Palacio de los Deportes de León.