O Grove e Vilagarcía son os dous concellos galegos con maior aumento interanual do prezo da vivenda usada: 30 e 24 %

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Martina Miser

O municipio meco manténse no top ten da comunidade

06 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin o aumento da inflación, nin a contracción do número de hipotecas concedidas, nin uns tipos de interese fixados polo Banco Central Europeo, entre o 4 e o 4,75 %, que xa quixeran para si tantos países, pero que por estes lares resultan desproporcionados. Nin con todo o anterior ou, quizais, por iso mesmo todo xunto e revolto o prezo da vivenda de segunda man segue polas nubes e escalando sen parar. Con dous puntos especialmente quentes na banda sur da ría de Arousa: O Grove e Vilagarcía de Arousa.

A percepción que ten calquera persoa, parella ou familia que leve tempo na procura dunha vivenda por pura necesidade dun teito baixo o que vivir queda confirmada mes tras mes polos datos do Índice Inmobiliario Fotocasa elaborado polos técnicos do portal dedicado á publicación de ofertas de venda de inmobles. A localidade meca e a capital arousá pecharon febreiro coa nada edificante condición de localidades de Galicia cun maior incremento interanual do prezo medio do seu cada vez máis reducido mercado de vivendas de segunda man. E con que datos.

Así, O Grove aparece o primeiro da fila cun aumento do 30,2 % do prezo medio do metro cadrado respecto a febreiro do 2023, acadando os 2.044 euros. Aos seus veciños só lles queda confiar en que a caída nun 3,5 % do prezo en comparanza co primeiro mes deste ano sexa o sinal dunha nova tendencia, co Grove asentado como oitavo municipio galego coa vivenda usada máis cara.

Dun 24,1 % é o crecemento interanual da mesma referencia en Vilagarcía de Arousa pechado febreiro. Neste caso, sen que a diferenza respecto a xaneiro anime sequera a un cambio de rumbo, logo de subir un 2,1 % ata acadar os 1.559 euros por metro cadrado.

O Grove e Vilagarcía son quince dos 46 concellos galegos sometidos á análise interanual polo Índice Inmobiliario Fotocasa cun incremento por riba do 10 %. Un fenómeno, o do encarecemento respecto a febreiro do 2023, que o portal cifra no 2,9 % de media no conxunto da nosa comunidade.