Profesores e alumnos leron, cantaron, bailaron e ata comeron uns churros para lembrar o traballo de Xosé Filgueira Valverde
20 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.¿E por que ten que ser un día cando poden ser moitos? ¿E por que cando poden ser todos? Marca o almanaque que o Día das Letras Galegas é o 17 de maio, pero marca tamén ese día na cor vermella. Non hai colexio pero os nenos tamén queren celebrar a festa da lingua. E para festexar non che hai outra cousa máis boa que cantar e bailar. E ata xantar algo si é que se presta.
En Carril fixeron moito diso para recordar a figura de Xosé Filgueira Valverde. Non parece mellor lugar un colexio para lembrar a quen foi un mestre que sempre tiña tempo para botar unha man a quen precisara da súa axuda, segundo recorda algún dos seus alumnos. No Rosalía de Castro puxéronse onte a elo. Foi o equipo de dinamización lingüística do centro, coa colaboración de todo o profesorado e o alumnado, o que dixo aí vamos. E alá que foron.
Como non todo vai ser festa, o alumnado de sexto de primaria fixo unha breve glosa da vida e obra de Xosé Filgueira Valverde. E logo si que comezou a festa. Tocaron os pandereteiros e os gaiteiros e cantaron os cantareiros, como ten que ser. Aí andaron os nenos tanto da educación infantil como os da de primaria e unha pequena escolma de toda a súa arte pode verse na web de La Voz (www.lavozdegalicia.es/arousa). Bailar, bailaron. E bailaron moi ben, que para iso practicaron dende hai unhas semanas.
Volveron as forzas
Cando o baile rematou tocaba encher o bandullo. Encheuse con churros feitos por unha churreira profesional, que axudou a que as forzas volveran tras tanto baile. Logo, tocou recoller e pensar xa na festa do ano que ven. Ou pensar que o das festas, cantas máis sexan mellor.