El focense que aspira a ser el alcalde de Cedeira

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

FOZ

JOSÉ PARDO

«Os cartos deben estar nos petos dos cidadáns, non no remanente para obras preelectorais», afirma Pablo Moreda

09 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Diego Moreda Gil (Foz, 1973) chega á política local de Cedeira, onde reside desde 2002, «coa idea de sumar». «Non penso en número de votos e concelleiros, preocúpame poder axudar ao pobo», subliña. Tampouco atende a ideoloxías: «Esquerda e dereita deberíanse apartar a un lado e entrar nas casas dos veciños para ver os seus problemas». Este enxeñeiro técnico agrícola recalou na vila cedeiresa por mor do seu traballo nunha firma construtora e agora é empresario do sector inmobiliario. Casado e con tres fillos, moi interesado no deporte (xogou nos Celtas de Foz) e o eido sociocultural, o candidato socialista á alcaldía de Cedeira leva anos afiliado a través da agrupación de Foz.

-¿Que supón este paso?

-É un desafío, un orgullo que a executiva me apoie para liderar este proxecto. Desde que teño fillos piso moito a rúa e vexo os problemas económicos da xente, a falta de emprego...

-A súa candidatura sorprendeu, hai quen o vencellaba ao PP...

-A miña idea é sumar, axudar ao Concello de calquera forma, non quero un ambiente de crispación na política, senón tolerancia e respecto. Non penso no número de votos ou concelleiros, preocúpame poder axudar ao pobo. Non son de etiquetas, teño amigos en todas as formacións, impórtame a calidade da xente, non as siglas, e a transparencia.

-¿Teme que esperte suspicacias a súa actividade profesional cun Plan Xeral pendente?

-As únicas propiedades que teño en Cedeira son montes e dúas vivendas, non teño terreos pendentes de recalificar... Gustaríame conseguir un plan de urbanismo consensuado con todas as forzas políticas, veciños e parroquias. Facer un Plan Xeral é impopular, pero é o futuro dos nosos fillos e hai que ver o que interesa ao pobo, non manter o sillón.

-¿Que opina da xestión do PP nestes catro anos en Cedeira?

-Cóstame pensar na obra máis importante que teñen feito. Gustaríame que o Concello aplicara unha política de activación laboral, que movera o polígono e pelexara coa Xunta pola estrada a Ferrol. Desde 2011 a suba de impostos debilitou o poder económico das familias; os cartos teñen que estar nos petos dos cidadáns, non en acumular remanente para gastalo en obras preelectorais.

-¿Baralla a opción dos pactos?

-Son unha persoa de consensos. Se se dera o caso reuniríame con todos os partidos para ver as súas ideas. Pactos si, pero non a costa de todo. Gustaríame ser alcalde pero que iso non supoña grandes desembolsos ao Concello. Ás veces é mellor estar na oposición, dando apoios puntuais, que estar no goberno por intereses propios de cada un.