Xabier Doural: «Quero estudiar Física pero ante todo quero ser músico»

ADRIÁN PÉREZ, S.C.

ALFOZ

Este xoven focense de 18 anos foi o gañador do Certame Músico Vocal Arcadio Mon

20 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado fin de semana celebrouse o I Certame Músico Vocal Arcadio Mon en Foz e o Valadouro do que o focense Xabi Doural saíu gañador cunha actuación á fronte dun piano electrónico. «Comecei con pezas populares como a Rianxeira ou Negra Sombra, ca que seguín cunha parte máis innovadora na que debía tocar co antebrazo», declarou o protagonista.

Este xove músico focense de 18 anos, leva dende os sete vinculado á música, primeiro na Escola de Música de Foz, da man de Arcadio Mon, co trombón. Instrumento ó que uniu o piano, a partir dos dez, no Conservatorio de Música de Viveiro. Na actualidade, compaxina os seus estudios universitarios en Física co Grado Superior de Trombón. Para Xabi Doural o máis importante é chegar a ser músico. Consciente das horas que terá que inverter para conseguilo, declara que: «Eu quero adicarme á música. Se a Física se fixera incompatible coa música, prescindiría dela. Ante todo, quero ser músico».

Arcadio Mon exerceu como mentor na súa formación musical, de quen recibiu clase ata fai tres anos. «A Arcadio gustábanlle os músicos completos, que tivesen bo oído e fosen capaces de compoñer e cantar. Iso inculcaba nos seus alumnos», declarou Xabi Doural sobre o seu mestre.