«Co voto si se poden cambiar cousas»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO /LA VOZ

LUGO

15 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

entrevista Ramón Vázquez díaz, cabeza de lista de EU por Lugo

O mestre e orientador de Primaria Ramón Vázquez Díaz (Lugo, 1973) é o cabeza de lista de Esquerda Unida ao Congreso por Lugo. É a súa segunda experiencia electoral; a primeira foi a participación, como número dous do seu partido, nas pasadas eleccións locais. Desta campaña di que os grandes partidos ofrecen «recetas antigas para problemas novos».

-¿A que aspira EU en Lugo?

-A conseguir que os lucenses voten, e que nos voten a nós claro; o voto en branco favorece aos grandes partidos. EU é a única posibilidade de que se fagan políticas reais de esquerda. Quero dicir tamén que aínda que non logremos representación por Lugo, cada voto a EU conta porque se contabiliza para o 5% que é necesario alcanzar para ter grupo propio no Congreso. Neste momento é máis importante que nunca o voto ideolóxico.

-¿Cal é a oferta fundamental de Esquerda Unida para a provincia?

-Un plan de choque para xerar emprego, porque na nosa provincia o paro é moi alto. E para crear emprego hai que pensar na pequena e mediana empresa e nos autónomos. Para ofrecer os recursos que necesitan, nós defendemos unha reforma fiscal e o combate decidido contra o gran fraude fiscal, así como a creación dunha banca pública. É necesario tamén intervir para acabar coa economía sumerxida.

-Parece que os gobernos teñen cada vez menos capacidade de manobra...

-É un argumento tan frecuente como interesado. Non é verdade que os gobernos, se queren, non teñan autonomía. Como exemplo están os países nórdicos. Co voto si se poden cambiar cousas, por iso é importante a participación.