Ademais de música, durante toda a fin de semana haberá artesanía, obradoiros, cine na rúa e mostra de coches clásicos
21 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Ata catorce grupos musicais actuarán entre hoxe e o sábado no Festival Primavera Sons Vila de Antas. Estas bandas pertencen aos máis variados estilos, pero todas elas teñen en común o pertencer á máis recente e innovadora fornada de grupos do novo panorama musical galego. As actuacións darán comezo todas as noites ás dez e sucederanse ata altas horas da madrugada. Tanto hoxe como mañá rematados os concertos previstos entrarán en acción os pinchadiscos Óscar Pombo, Kimetech e Elías González para que a música non deixe de soar nos tres días do festival.
Pero o Vila de Antas é moito máis que música. Así dende hoxe e ata o domingo celebrase tamén a Feira de Meigas, unha proposta lúdica que inclúe artesanía, concursos, malabares, maxia, murais, cancións de autor e queimada. Os rapaces poderán participar esta mesma tarde nun obradoiro no que aprenderán a crear unha pequena peza audiovisual de animación con plastilina. De seguido, grandes e pequenos disfrutarán das proxeccións do cinema de rúa, no que poderán ver Ribadeo 1936, O hospital, Galicia 2098, Botando por fóra, As almas do fental e O sobriño.
Xa para mañá está prevista unha concentración de coches clásicos; mentres que na tarde do sábado os máis aventureiros poderanse apuntar ao paintball. Como punto e final a estas tres intensas xornadas de ocio, o domingo terá lugar a Festa do churrasco de porco, amenizada polo grupo de música tradicional Berros do Castro.
festival primavera sons en antas de ulla
Prazas e rúas de Antas de Ulla
Días: Dende hoxe e ata o domingo
Horario: Actividades todo o día
Entradas: Concertos e acampada de balde
Feira das Meigas: Dende hoxe e ata o domingo.
Obradoiro de Stop-Motion: Hoxe ás 16.00 nas Canteiras.
Cinema na rúa: Proxección de curtas hoxe ás 20.00 nas Canteiras.
Concertos de Deaf Noise, Pito de Pikasso, Skandalo GZ, Kambotes e Matxetazo na parrocha: Hoxe a partires das 22.00 na Praza do Concello.
Sección de DJ?S con Óscar Pombo, Kimetech e Elías Gómez: Hoxe e mañá de madrugada, unha vez rematados os concertos.
Concentración de vehículos clásicos: Mañá todo o día.
Concertos de The Noisers, Németos, Noc, Xenro e Romasanta: Mañá a partires das 22.00 na Praza do Concello.
Paintball: Sábado a partires das 16.00 horas.
Concertos de Leite de Nai, Dementia, Desequilibrio Mental e Querido Salvaje: Sábado a partires das 22.00 na Praza do Concello.
Festa do churrasco de porco: Domingo a partires das 14.30 horas na Praza Nova, con invitación.