Os anos clave para que a Muralla fose declarada Patrimonio da Humanidade

Adolfo de Abel Vilela LUGO/LA VOZ.

LUGO

García Díez pediu o apoio do ministro de Cultura en 1998, Mariano Rajoy

05 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O primeiro paso importante cara a presentación da candidatura da muralla para que fose declarada Patrimonio da Humanidade, deuse o 20 de febreiro de 1998 cando o Consejo de Patrimonio Histórico, órgano de coordinación entre o ministerio de Educación y Cultura e as comunidades autónomas, decidiu apoiar a candidatura presentada pola Xunta. A partir dese momento o ministerio realizaría unha nova selección entre un centenar de candidaturas, tomando como base a súa historia, os seus valores e a súa singularidade. A nova lista, que permanecería pechada durante dez anos, trasladábase á Unesco para aspirar á declaración.

O día 15 de marzo o alcalde Joaquín García Díez entrevistouse co ministro de Educación y Cultura, Mariano Rajoy Brei para pedirlle o seu apoio á iniciativa. Para que fose declarada a finais do ano 2000, o ministerio tiña que presentar a candidatura no verán, pero a proposta que faría o Goberno á Unesco estaba pechada e non ía a muralla. Por iso se descartaba que a declaración se producise ese ano, pero como xa estaba incluída na lista para os próximos dez anos, era posible que fose na proposta se do ano seguinte.

1998 e 1999

Posiblemente por quedar descolgada a Torre de Hércules, sete anos despois a Real Academia Galega de Belas Artes volve sobre o tema e o seu presidente, Julio Fernández Argüelles, comunica o 30 de xuño de 1998 ao presidente da Xunta, ao delegado do Goberno en Galicia, e ao director xeral da Unesco, que a Corporación en sesión plenaria, acordara por unanimidade elevar a proposta conxunta para a declaración das Murallas Romanas de Lugo e a Torre de Hércules da Coruña como Patrimonio da Humanidade.

O 2 de xullo remítelle ao alcalde Joaquín García Díez a documentación relativa á proposta para que a apoiase. O BNG volve a insistir sobre a necesidade de facer unha campaña con este obxectivo, que foi aprobada por unanimidade no pleno do Concello, e enviada á Xunta. A voceira deste grupo, Branca Rodríguez Pazos, propuxo o 11 de xuño que algún representante do Parlamento de Galicia se entrevistase co director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, para apoiar a candidatura.

O director xeral de Patrimonio Ángel Sicart Giménez, nunha visita efectuada a Lugo o 23 de xullo, dixo que o seu departamento estaba traballando na consecución da distinción e que en febreiro do ano seguinte os seus técnicos rematarían un amplo informe sobre o monumento para que o ministerio de Educación y Cultura o presentase á Unesco. Mostrouse optimista e indicou que se podería conseguir en dous anos porque o proceso era longo e habería dificultades.

O 27 de xullo Georges S. Zouain, director adxunto do Centro do Patrimonio Mundial, en nome do director xeral da Unesco, confirmaba que as Murallas de Lugo xa foran incluídas na Lista Indicativa feita por España, polo que xa se podía preparar o expediente de propuesta de inscripción, e remitía a documentación base para poder iniciar os trámites. En canto á Torre de Hércules indicaba que era preciso que figurase na Lista Indicativa.. Para iso a tramitación había que facela a través da dirección xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que á súa vez a trasladaría á dirección xeral de Bellas Artes y Bienes Culturales do ministerio de Cultura para o seu envío á Unesco.

As mentiras do director xeral e do conselleiro

O 5 de setembro de 1998, Ángel Sicart Giménez, director xeral de Patrimonio Cultural, confirmaba ao presidente da Academia de Belas Artes que a muralla de Lugo xa estaba incluída na Lista Indicativa e que a Torre de Hércules non figuraba xa que era a primeira solicitude que se facía oficialmente á Xunta.

O 23 de outubro, o BNG dicía que a Xunta aínda non iniciara os trámites para conseguir a declaración, segundo a respota dada a unha pregunta no Congreso dos Deputados. Só o Concello e o Eixo Atlántico pediran ao Goberno que apoiase a declaración ante a Unesco.

O ministerio de Cultura avisaba que estas solicitudes non tiñan validez xa que era a Xunta a que tiña que formalizar a proposta. A consellería de Cultura aclarou que a petición sería presentada en febreiro de 1999, xunto coa ampla documentación que debía de acompañar á solicitude que estaba elaborando un equipo de expertos.

A deputada nacionalista Pilar García Negro, preguntou no Parlamento de Galicia ao conselleiro de Cultura cantos meses máis tiñan que pasar para que formalizase a petición. Jesús Pérez Varela, contestoulle que xa mandaran a documentación o 4 de xullo e que a partir dese momento a Unesco tiña dezaoito meses para decidir sobre a declaración.

A interpelante sabía que o conselleiro non dicía a verdade e preguntoulle en que fase estaba a elaboración da documentación e se acordaran enviala antes de febreiro de 1999. Pero o conselleiro non contestou a estas dúas preguntas porque o equipo que tiña que facer o expediente estaba sen constituír, formouse na primeira quincena de novembro, poucos días antes de que tivese que contestar á pregunta na sesión do Parlamento do día 25.

Pérez Varela mentía porque a entrega da documentación sobre o valor artístico e histórico do monumento, que tiña que examinar o Consejo Nacional de Patrimonio, fíxose en Madrid o día 27 de maio de 1999, e en base a esa documentación seleccionou á muralla entre outras vintecinco candidaturas españolas. O 4 de xuño a documentación foi enviada á Unesco.

Iniciativas no Congreso

O 2 de febreiro de 1999 debateuse na Comisión de Educación y Cultura do Congreso dos Deputados unha iniciativa do BNG, presentada por Francisco Rodríguez un ano antes, o 10 de febreiro de 1998, para que o Goberno xestionase a declaración da muralla Patrimonio da Humanidade, e outra do deputado do PSOE José Blanco López, presentada o 9 de decembro de 1998, para que se establecese un convenio coa Xunta para as obras de restauración e conservación contempladas no Plan Director aprobado en 1989. O Grupo Parlamentario Popular, presentou unha enmenda, que defendeu o deputado Julio Padilla Carballada, instando ao Goberno a impulsar e apoiar os trámites iniciados pola Xunta para a declaración. O BNG aceptouna pero aclarou que segundo unha resposta do Goberno do 1 de outubro de 1998 aínda non era un trámite formalizado,ante o Consejo del Patrimonio Histórico.

Blanco manifestou a súa decepción polo feito de que non houbese sensibilidade entre os parlamentarios do PP de Galicia respecto desta cuestión e non presentasen ningunha iniciativa, máxime cando a mesma comisión de Cultura ía tratar unha proposta do PP para que Morella (Castellón) fose declarada Patrimonio da Humanidade.