Monforte proxecta para o 2011 actos en memoria de Lois Pereiro, que será lembrado no Día das Letras Galegas

La Voz F.?A.*+MONFORTE/LA VOZ.

LUGO

29 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Real Academia Galega aínda non decidiu se Monforte será o escenario do acto central do Día das Letras Galegas do 2011, dedicado ao poeta Lois Pereiro , xa que a elección do lugar desta celebración é algo que tradicionalmente se realiza con bastante posterioridade á designación do escritor elixido para protagonizala. Non obstante, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín , recordou que «o criterio habitual é ir aos sitios onde naceron os escritores que son homenaxeados nesa data, a non ser que por algún motivo especialmente importante sexa aconsellable celebrar estes actos noutro lugar».

o Concello de Monforte estudará a posibilida de organizar ao longo do próximo ano unha ampla serie de actividades culturais para divulgar e homenaxear a figura e a obra literaria de Pereiro, a maiores das celebracións oficiais promovidas pola RAG. «Sempre contando coa familia de Lois Pereiro, imos esforzarnos por darlle a maior importancia a súa figura e ao seu valor literario e intelectual», indicou a este respecto o alcalde Severino Rodríguez.

O Concello monfortino xa homenaxeara pola súa conta a Lois Pereiro con ocasión do Día das Letras do 2005 -dedicado ao poeta Lorenzo Varela -, organizando un recital dos seus poemas na Ponte Vella. Neste acto, precisamente, falárase da posibilidade da dedicarlle algún día esta celebración. O malogrado poeta monfortino ten tamén unha rúa dedicada na súa cidade natal desde o ano 2000.

Desde o seu pasamento, Monforte ten acollido ademais outros actos públicos na súa memoria. O primeiro deles, celebrado na Casa de Cultura en 1997 durante a sexta edición da Feira do Libro local, congregou aos escritores Manuel Rivas , Pilar Pallarés , Miguel Anxo Fernán-Vello e Ana Romaní , compañeiros de xerazón literaria.