Emprendedores lucenses crean Toupa.net, un proxecto pioneiro na distribución on-line da cultura galega

L.R.I. LUGO/LA VOZ.

LUGO

03 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Toupa.net é o nome da primeira plataforma on-line que distribúe cultura galega de distintos ámbitos. A innovadora web comezou a funcionar hai unhas semanas, pero foi presentada onte nas oficinas da Fundación CEL por dous dos seus impulsores, Sergio Lago, que é socio fundador, e Txiki Calvo, xefe de produto e responsable de contidos da web. No acto tamén interveu o presidente da fundación, Luis García Santalla. Deste xeito, o xermolo da nova iniciativa, Lonxa Cultural, naceu no seo do viveiro de empresas da organización. Libros, discos, revistas de banda deseñada, películas, curtametraxes ou documentais son só algúns dos produtos que están á venda no portal.

Creadores grandes e pequenos

«Aglutinamos traballos de artistas galegos, pero tamén de xente que mestura, que fai cousas desde aquí, ou, por exemplo, de editoriais de fóra que fan traducións aquí [...] A cultura galega no se pode limitar», indicou Lago. Promocionar aos produtores de cultura, especialmente aos pequenos creadores que non atopaban oco no mercado convencional, é outra das metas. Tamén fomentar a participación do público, de aí que o proxecto sexa visible en redes sociais como Facebook ou Twitter.

Neste momento ofertan xa uns 800 produtos. A compra on-line presenta ao cliente distintas opcións, como pago contra reembolso ou pago con tarxeta, e varios tipos de envío.