Colaborar na promoción do sector agrogandeiro, fomentando á súa modernización, e unir esforzos no desenvolvemento de actividades de investigación, formación e divulgación, así como no intercambio de experiencias, é o obxectivo do acordo asinado onte pola Universidade de Santiago, o Concello de Cospeito e a Asociación de empresarios de Muimenta. En representación das tres entidades, asinaron o acordo o vicerreitor de coordinación do campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o alcalde de Cospeito, Armando Castosa; e a presidenta da Asociación de empresarios, María José Neira Maseda.
Tendo en conta que esta asociación é a organizadora -entre outros eventos- da Mostra-exposición de Muimenta (Moexmu), que acolle a maior feira de gando de toda a provincia, así como un concurso-exposición e unha poxa de gando, este será un dos eixos principais do acordo asinado onte. Así, a USC, e particularmente o seu campus lucense, comprométese a traballar coa comisión organizadora e co Concello de Cospeito na posta en marcha das vindeiras edicións desa feira.
Así, a Moexmu contará dende agora coa estreita colaboración do persoal do campus de Lugo, especialmente da Facultade de Veterinaria e do hospital clínico veterinario Rof Codina, que poderán aportar os seus coñecementos especializados sobre os animais e todo o relacionado co tema agropecuario, e mesmo poderán facer as atencións puntuais que se requiran aos que participan na mostra. Esta colaboración servirá ademais aos estudantes de Veterinaria de importante toma de contacto cun sector no que poden desenvolver o seu futuro profesional.
Formación e investigación
Desde o campus de Lugo impulsarán ademais a innovación e modernización do conxunto do sistema produtivo do municipio chairego mediante actividades de formación, investigación e desenvolvemento científico e tecnolóxico, relacionadas sobre todo co sector gandeiro e agrícola. Coa sinatura deste convenio tense en conta a importancia, tanto económica como social, que o sector agrícola e gandeiro ten na comarca da Terra Chá, polo que resulta fundamental que este sector sexa competitivo.
O acordo asinado onte, e ao amparo do cal se poderán redactar novos convenios específicos, ten unha vixencia de cinco anos e poderá renovarse por períodos iguais se as tres partes así o consideran.
