A USC convoca os premios á calidade e á excelencia lingüística dos traballos académicos

La Voz

LUGO CIUDAD

20 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Universidade de Santiago convoca os premios á calidade e á excelencia lingüística dos traballos académicos, en dúas modalidades: unha para os traballos do curso e outra para os de fin de grao ou de fin de carreira. No caso do campus do Lugo, os centros que se sumaron a esta convocatoria son as facultades de Veterinaria e de Administración e Dirección de Empresas e as escolas Politécnica Superior e de Formación do Profesorado. Xa que logo, o concurso vai dirixido aos alumnos dos graos ou das titulacións de primeiro e de segundo ciclo destes centros.

Nesta edición tamén se recoñecerá ao persoal docente e investigador que colabore na difusión dos premios. Nos que recoñecen a calidade, establécense dous galardóns por cada centro organizador, dotados con 150 e 100 euros e un diploma acreditativo. Se o traballo é de fin de grao ou de fin de carreira, entregarase un galardón de 300 euros e un diploma acreditativo por cada titulación. Aos premios á excelencia só poden concorrer os traballos que recibisen o primeiro premio á calidade nos respectivos centros, fixándose un galardón único de 150 euros e diploma. Igualmente recoñecerase a excelencia do mellor traballo fin de grao ou fin de carreira cun galardón de 300 euros e diploma.

Os estudantes poden presentar ata o 10 de setembro un só traballo deste curso, supervisado polo docente correspondente.