A maioría que controla o IGI propón a Díaz Pardo na nova administración

Concha Pino

LUGO

Os socios que apoian ao fundador das empresas culturais cualifican de «xogada perversa» a decisión

12 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O sector de socios maioritario que controla o Grupo de Sargadelos, que á súa vez ten a maioría no Instituto Galego da Información (IGI), aprobou na asemblea celebrada onte baixo control xudicial a proposta de incluír a Isaac Díaz Pardo entre os grupo de novos administradores, que se completa con Segismundo García, Xavier Remeseiro e Ligsa (unha empresa do grupo na que está a Imprenta, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe), da que tamén é maioritaria a nova dirección de Sargadelos.

Alonso Montero declarou ao remate da reunión de algo máis de dúas horas que tal acordo era inadmisible: «Eles, que o decapitaron, agora propóñeno como un dos catro gobernantes do IGI, e eu díxenlles que era unha xogada perversa, o que en preceptiva literaria se chama sarcasmo, porque os que acaban de fulminalo hoxe, nun día de loito e infortunio para Galicia, agora propóñeno para quedar ben, porque estaría en minoría e gobernarían os outros tres: acaban de quitarse a máscara».

A asemblea celebrouse baixo a presidencia da avogada Goreti Rey Manso, designada polo xulgado que convocou a sesión, e coa presenza do notario compostelán Héctor Pardo. Só asistiron algo máis de media ducia dos socios que apoiaron sempre a Díaz Pardo nesta travesía de máis de dous anos na que perdeu o control das empresas. Por parte da nova maioría tampouco acudiron máis que catro ou cinco representantes do 75% do accionariado, entre eles o actual presidente, José Luis Vázquez, Santiago Sineiro, Segismundo García e Xavier Remeseiro.

Segismundo García, autor da proposta de incluír a Díaz Pardo entre os novos administradores do IGI e un dos socios con maior número de accións de Sargadelos, asegurou que foi aprobada «e agora don Isaac pode aceptar ou non».

Á pregunta de como se explica esta decisión no mesmo acto no que Díaz Pardo presentara a súa dimisión irrevogable nunha carta entregada polo seu fillo Camilo Díaz á presidenta da mesa, asegurou: «Diso non teño nin idea, eu non son consciente de que presentara ningunha dimisión». A este respecto, Camilo Díaz aclarou que non se fixo pública na asemblea, pero «é irrevogable, unha decisión persoal que teñen que aceptar, e a carta ten que constar en acta, igual que as dimisión de Víctor Rupén, que era o presidente en funcións do Consello de Administración do IGI, e de Alfonso Paz Andrade, que era vogal». Sobre a inclusión do seu pai na nova dirección do IGI concluíu que foi «aprobada entre comiñas, é un as que sacaron da manga nun momento moi malo para as empresas do grupo, e queren utilizar a Isaac como utilizaron os cristiáns ao Cid Campeador para gañar a última batalla. Pero o Cid estaba morto e Isaac está vivo. Pretenden lavar a cara, e vai dicir que non, xa se foi de aquí, e deume instrucións claras. O único que pediu foi que lle dean un prazo para retirar algunhas cousas que lle quedan no IGI».

A posible venda do edificio do IGI non parece doada, porque está declarado ben de interese público e cultural, segundo lembrou Camilo Díaz, que tamén matizou que se trata «dun activo do grupo de empresas que só se pode vender para proxectos de investimento futuro, non para tapar buratos». E tampouco había contas que presentar, «porque segundo eles tenas que formular o consello de administración, pero quen levou sempre as contas do IGI foi Sargadelos».