Técnicos de Ciencia e Tecnoloxía de Asturias visitaron en Vilalba as instalacións da queixería Catadoiro

La Voz

LUGO

Unha das queixerías da denominación de orixe San Simón da Costa, Catadoiro, recibiu onte a visita do viceconsejero de Ciencia y Tecnología del Principado de Asturias, Herminio Sastre, e da directora técnica del Centro Nacional de Competencia Tecnológica de la Leche de Asturias, Celina Quirós. Ambos estiveron acompañados por Eduardo Vidal Baamonde, director xeral do Cetal (Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo), cuxa sede na capital lucense visitaron previamente Sastre e Quirós para poñer en común os puntos nos que se está a traballar dende ambas as dúas comunidades autónomas para mellorar a produtividade no sector agropecuario.

O director do Cetal referiuse por exemplo á reutilización do soro lácteo. Neste senso explicou que dentro de mes e medio, aproximadamente, Asturias e Galicia presentarán os primeiros resultados dun proxecto en común iniciado hai máis dun ano sobre a revalorización deste subproduto. Este estudo busca rutas de recollida dos residuos nas queixerías e un punto clave onde localizar unha planta que se encargaría do seu aproveitamento.

Segundo Vidal Baamonde, «este primeiro contacto co viceconsejero e a directora técnica permitirá a suma de traballo nun futuro, para o cal estudaremos con técnicos as posibilidades de atopar un camiño de entendemento para solucionar a falta de aplicación de ciencia e tecnoloxía ao ámbito agroalimentario. Sumando esforzos entre Asturias e Galicia teremos a oportunidade de ser máis eficientes».