Fernández Paz está presente en Vilalba en árbore e pedra

Mayte Corbelle

LUGO

O escritor foi homenaxeado onte pola súa traxectoria como escritor

21 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«Quen podería pedir máis...». Foi a frase coa que Agustín Fernández Paz rematou a súa intervención en Vilalba, logo de descubrir un monolito, situado nunha praza que leva o seu nome, e logo de prantar nese lugar unha abidueira. «A pedra simboliza a dureza das raíces, a este lugar volven sempre os meus pés de neno, xa que aquí me criei; e a bidueira, que se ergue dereita cara o sol, tamén foi sombra dos meus xogos de infancia». Así explicaba as sensacións que lle producían «estes tres agasallos xuntos».

A eses agasallos máis tarde se sumou outro, o E de escritor que lle concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega, promotora deste homenaxe baixo o lema de O Escritor na súa Terra e que lle foi entregada en forma de obra de arte saída das mans de Silverio Rivas. A celebración acadou 15 anos consecutivos e foi a terceira vez que recaeu nunha persoa da Terra Chá, logo que o recibira no 1998 Manuel María en Outeiro de Rei, e no 1999, Xosé Chao Rego, tamén na capital chairega. As flores radiactivas , Cartas de inverno , O centro do labirinto , Contos da palabra , Cos pés no aire , Aire Negro ou O único que nos queda é o amor son algúns dos título dos que é autor Agustín Fernández Paz, e que onte saíron á luz en diferentes momentos e por boca de distintas personalidades das letras galegas que acudiron a este evento. Narrador, ensaísta, profesor, pedagogo, sociolingüísta e especialista en animación á lectura e en literatura infantil e xuvenil, este home recibíu onte esta homenaxe que, segundo a secretaria da AELG, «se decidíu por unanimidade e sen ningún xénero de dúbidas, porque non houbo outro nome».

Sinxeleza

Foi unha celebración múltiple e popular á que acudiron máis dun cento de amigos e veciños de Fernández Paz, entre os que había caras tan coñecidas como as das poetisas Yolanda Castaño e Marica Campo, ademais de Paco Martín, entre outros.

Pola súa banda, Agustín Fernández Paz, visiblemente emocionado, acolleu este acto coa sinxeleza que o caracteriza. Quixo que esta homenaxe fora, ademais de para el, para os que lle axudaron a medrar. Asegurou que «a literatura escríbese sempre cos fíos da vida, e os da miña están en Vilalba» porque «a patria dunha persoa é a infancia, e por iso a miña é esta».

E é que a infancia de Fernández Paz saíu a relucir en diferentes momentos do acto, pero tamén a figura do seu pai que, segundo explicou Manuel Bragado, responsable de Xerais, «foi o que puxo nas súas mans as primeiras xoias, os primeiros libros que aquel neno puido ler».

Autor xa na nenez

El tamén lembrou que «o primeiro relato de Agustín Fernández Paz saíu das súas mans cando contaba con só 10 anos, aquí en Vilalba, na escola pública que estaba ubicada onde agora se atopa o Concello». Aquel relato estaba baseado nun feito histórico, o lanzamento do Sputnik por parte da URSS «un cohete que ía ao espacio e que abríu a mente de escritor dun neno», sinalou Bragado. Lembranzas de infancia das que tamén xurdíu outra figura, a do mestre D. Félix, o seu mestre en Vilalba.

Por outra banda, a figura de Fernández Paz, ademais dos premios literarios, é coñecida pola súa vertente persoal, pois aínda mantén contacto e vencello coa vila onde naceu, como se comprobou na asistencia aos actos de onte.