Manuel Vigo, un home feliz e entregado ao seu oficio, é o único da Mariña que aínda afeita á navalla a quen llo solicita
En setembro cumpriranse 116 anos da apertura da barbería Romeiro, na rúa Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo. Nunha parede do local vese un diploma outorgado pola Cámara de Comercio de Lugo. Hai 116 anos só había 30 empresas inscritas na citada entidade, en toda a provincia, tres delas en Mondoñedo, «o taller de Leivas, a farmacia de don Jesús e a barbería de Romeiro», según conta Manuel Vigo, o barbeiro. Este home, amable e dunha elegancia exquisita, representa xa a unha terceira xeración.
O negocio fundouno un avó da súa primeira muller, que faleceu de parto, José Ramón García Penelas. E aínda conserva o sillón primitivo, unha xoia de madeira que restaurou con agarimo. Ao primeiro, a barbería estaba no número sete da entón rúa Méndez Núñez (hoxe Álvaro Cunqueiro) e despois mudouse ao número seis, onde segue. Vigo (Pereiro, Alfoz-1949) empezou a traballar con seu sogro, Enrique García Varela, a finais de novembro de 1972, ao pouco de casar. «Estivemos os dous uns seis meses, despois enfermou e xa parou», explica. Antes traballara na Coruña e foi así, coa práctica, como aprendeu o oficio. «Sempre quixen ser barbeiro, daquela había que pagar para aprender, o fundador tiña moitos pinches, eu sempre estiven so».
A máquina de cortar o pelo
Nun anaquel da perruquería conserva algúns instrumentos dos que empregaba García Penelas, hai un cento de anos: un cortapelos manual, pulverizadores de auga e frascos de pos de talco. Os cortapelos eléctricos supuxeron unha auténtica revolución. «A máquina foi un adianto grande e un mellor servizo tamén para o cliente», afirma Vigo, que manexa as tesoiras cunha habilidade extraordinaria. O esterilizador constituíu outro avance moi importante. «Antes usábase un cacharro con alcohol (coñecido como 'candil') para desinfectar, agora métese todo no esterilizador, o cliente está conforme e nós tamén, porque sabemos que non hai perigo ningún. E adiántase moito porque co candil botabas dous ou tres minutos por cliente», sinala.
Ao día pasan decenas de homes pola perruquería barbería Romeiro. Chegan sen cita previa, «cada un cando pode ou lle apetece», recalca Vigo, que os atende sempre, sen importarlle a hora. «Nestes pobos non hai horario de peche, é cando deixa de vir a xente. Ata as nove estou sempre, haxa xente ou non». E a mediodía aproveita para ir aos domicilios; antes traballaba os domingos pola mañá para desprazarse ás casas e atender a clientes enfermos. «Agora case todos os domingos son nosos», apunta, aliviada, a súa muller, que todos os días lle axuda a recoller e limpar o establecemento. «Todos, salvo un domingo ao mes, que vou ao asilo de Mondoñedo», precisa Vigo.
Os cortes de cabelo son o máis demandado. A crise tamén se deixa sentir neste negocio e moitos do que antes aproveitaban para afeitarse, agora só piden cortar. Un afeitado costa 3,5 euros e un corte de pelo, 6,5. Cando se meteu neste negocio por afeitar cobraba dez pesetas e por cortar, unhas 25. Os tempos e os prezos mudaron, pero non o xeito de traballar. Manuel Vigo segue usando a navalla; de feito, é o único barbeiro mariñán (e pode que incluso o único de toda a provincia) que aínda emprega este instrumento.
Un artista no uso da navalla
«A navalla esixe, sobre todo, pulso. Para min hoxe non é nada, é o máis doado. A pel agradécea, queda moito máis suave, cun mellor rasurado», comenta. En máis de 36 anos ao fronte da barbería Romeiro, mercou dúas navallas. Ten outras dúas, que usan de maneira exclusiva dous dos seus clientes. «Antes había xente que estaba arrendada, pagaban cada mes 15 pesetas por dous afeitados á semana e un corte de pelo ao mes», lembra. Pero a costume morreu hai moito tempo. Unha navalla «dura a vida dunha persoa, na man dun particular, anque se afeite todos os días». El conserva algunha das que había no local.
Cativos e nonaxenarios
A este barbeiro vocacional, feliz no seu traballo e xa algo amolado pensando na xubilación, dentro de cinco anos (o único que o consola é que xa ten relevo, a sobriña e afillada, que está aprendendo o oficio), nunca lle faltou clientela. Polo negocio pasan nenos e maiores. O cliente más vello é Paco Fanego, «un señor encantador» de 95 anos. E a domicilio ten outro de 99. Aquí vén xente de toda A Mariña e tamén de Vilalba, Lugo e ata Madrid. O verán é a época de máis actividade, xunto coa Navidade e as festas de Mondoñedo.
«Somos todos unha familia grande, non hai clientes caprichosos, xa nos coñecemos porque sempre son os mesmos. Hai quen pide consello e quen xa sabe o que quere. Os clientes de días fixos, se non veñen xa pensas que algo lles pasou, ou unha viaxe ou unha urxencia», relata. Ata hai pouco cando necesitaba cortar o pelo acudía a Bello, en Meira, ou a Higinio, en Peluquería 2000, en Vilalba. Agora recorre a quen o sucederá na barbería. Aínda lle queda un lustro para disfrutar do oficio.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios