Investigadores en renovables comparten proxectos coas empresas e a Administración

Cristina López

AGRICULTURA

18 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Co obxectivo de intercambiar ideas; propoñer proxectos e xerar riqueza entre os diferentes axentes que actualmente poden desenvolver iniciativas de investigación, desenvolvemento e innovación no campo da biomasa e da agroenerxía, no que Galicia debería converterse en referente, a Facultade de Ciencias do campus de Lugo acolleu onte unha xornada de intercambio de I+D+i, organizada pola Rede de biomasa e agroenerxía (Redebioa).

Partindo da base de que a biomasa constitúe xunto coa enerxía solar e a eólica un dos tres piares sobre os que se asentará no futuro a sociedade do benestar, os membros desta rede, moitos dos cales exercen o seu labor no campus lugués, concibiron estas xornadas, que continúan hoxe, como un foro para presentar Redebioa ás empresas e á Administración e expoñerlles os servizos que lles pode ofrecer esta rede de cara a satisfacer as súas necesidades. As xornadas serviron ademais para establecer unha liña de colaboración entre a Universidade, a empresa privada e a Administración, que pode derivar na realización de traballos no terreo da agroenerxía e a biomasa.

As xornadas desenvólvense arredor de tres mesas de traballo que xiran en torno a cuestións coma o medio agroforestal como fonte de materias primas, a transformación dos produtos do sector agroforestal e a xestión e o tratamento dos subprodutos deste sector. En cada unha destas mesas falouse de proxectos sobre alimentación, biocombustibles e biolubricantes, pasta e madeira e conservación e sostibilidade de sistemas agroforestais. Na xornada de hoxe expoñeranse os traballos que se están a levar a cabo en relación cos residuos orgánicos, os restos da industria de transformación da madeira e o deseño e elaboración de tecnosolos.

Estrutura investigadora

Mellorar a investigación nun campo en plena expansión como é o das renovables é unha das premisas básicas dos membros de Redebioa, que tamén pretenden poñer a disposición das empresas e da Administración esta estrutura investigadora para que poida ser utilizada como plataforma de asesoramento e desenvolvemento de iniciativas de I+D+i.

Os integrantes deste grupos tamén queren contribuír a desenvolver na comunidade galega unha cultura científica que fomente a explotación racional e sostible dun recurso infravalorado dentro do campo das enerxías renovables, como é o da biomasa, que pode ter un importante impacto socioeconómico no medio rural galego.

Para acadar estes obxectivos, investigadores e grupos de investigación de Redebioa traballan na actualidade en diferentes proxectos en diversos ámbitos coma o da acústica, o agroforestal, o económico-empresarial, o dos fluídos e lubricantes, o forestal, o dos polímeros, o dos residuos e o dos solos.

Entre os temas que están a investigar figuran por exemplo a aplicación do análise térmico á sostibilidade dos sistemas agroforestais; o desenvolvemento de sistemas de climatización e refrixeración mediante o uso racional da enerxía; a fertilización con lodos de depuradora; a xestión de tratamento de residuos forestais, industriais e urbanos; o desenvolvemento de lubricantes para aeroxeneradores e maquinaria agrícola; o desenvolvemento de modelos de simulación para estudios de crecemento e produción de especies forestais; o manexo e conservación de solos; a degradación de solos agrícolas e forestais; a determinación de índices enerxéticos do metabolismo do solo e o desenvolvemento de modelos de predición da calidade da madeira a partir de parámetros de masa ou de árbore individual.