Lume prehistórico baixo a auga

SANTIAGO CIUDAD

A escavación arqueolóxica realizada no Saviñao proporcionou novas descubertas a pesar das difíciles condicións en que se desenvolveron os traballos

29 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A actual campaña de investigación dos xacementos paleolíticos da comarca de Lemos, que rematará esta semana, segue proporcionando notables resultados a pesar dos atrancos meteorolóxicos. Nos últimos días, os arqueólogos acharon novos materiais na escavación realizada nunha finca da aldea de Pedras, no Saviñao, e localizaron máis artefactos dispersos na superficie do terreo en diferentes puntos do municipio de Monforte.

Os traballos de Pedras, que se deron por concluídos a pasada fin de semana, leváronse a cabo en medio de importantes dificultades. A fosa cavada polo equipo de investigación alagouse varias veces a causa da chuvia e da subida do nivel freático, e tivo que ser drenada repetidamente con baldes e cunha bomba de auga. Con todo, no lugar apareceron media ducia de útiles prehistóricos que se suman aos que se encontraran antes nesa escavación, así como restos de madeira carboniada que talvez procedan de antigas fogueiras. «O que pretendíamos era profundizar un pouco máis na sondaxe antes de terminar esta campaña para ver se aparecían máis materiais e o resultado foi positivo», explica o coordinador destes traballos, o arqueólogo Arturo de Lombera. «Chegamos máis ou menos a 1,80 metros de profundidade e aínda non tocamos a rocha nai, polo que é bastante posible que por debaixo haxa máis camadas de terra e máis material arqueolóxico sepultado», engade.

En vista deste resultado, os investigadores xa teñen previsto realizar máis escavacións en Pedras en futuras campañas, nas que se espera que as condicións meteorolóxicas se presenten máis favorables que nesta ocasión.

Por outro lado, nas prospeccións en superficie encontráronse novas mostras de industrias paleolíticas nas parroquias monfortinas de Seoane, Tor, Moreda e Baamorto. O equipo ten previsto realizar hoxe máis prospeccións na zona sur do municipio, nos límites con Sober, e mañá darase por terminada esta campaña.

O proxecto científico que coordina a Universidade de Santiago seguirá desenvolvéndose nos meses de verán, pero entón os escenarios das sondaxes e das prospeccións estarán nas covas de Becerreá e do Courel, onde xa se rexistraron importantes descubertas o ano pasado. Os traballos arqueolóxicos na depresión de Lemos proseguirán o ano próximo.

Actividades divulgativas

En Monforte, por outro lado, levaranse a cabo axiña as primeiras actividades divulgativas dirixidas ao público en xeral que se encadran neste proxecto científico. Por unha parte, na cidade presentarase unha exposición didáctica que se está terminando de preparar estes días na que se explicarán de forma sinxela as investigacións sobre o Paleolítico realizadas desde a primavera do 2006 nas comarcas de Lemos, Quiroga e Os Ancares. Con este mesmo obxectivo ofreceranse unhas conferencias.

Estas actividades non teñen aínda unha data fixada, pero os responsables esperan que poidan realizarse a partir de mediados de maio. «Gustaríanos explicar tamén as investigacións que estamos terminando agora mesmo, non só as dos dous últimos anos, e para iso necesitamos un pouco de tempo», sinala De Lombera.