Abraira cre que o Bloque Nacionalista Galego pode conseguir representación por Lugo en Madrid e se sae elixida renunciará ao seu posto de concelleira
É pura acción. A cabeza de lista do BNG por Lugo ao Congreso é unha muller que vive con paixón a acción política, tanto no campo propiamente partidista como no institucional. Paz Abraira Sobrado (Meira, 1971) é concelleira en Lugo, o seu primeiro cargo institucional, ao que, se sae elixida deputada, renunciará para atender unicamente as súas novas responsabilidades. «Estou orgullosísima -di con decisión- de ser concelleira en Lugo e agradezo moitísimo aos cidadáns que me permitan desenvolver este traballo. Pero se saio elixida, renunciarei a este posto e pasarei a ocupar o escano no Congreso e seguirei traballando igual por Lugo e pola provincia»
-¿Cre que o BNG ten posibilidades nesta ocasión de ter un deputado por Lugo?
-Si. Desde logo é o momento de Lugo e o momento do BNG. Pensamos que quen representa realmente os intereses dos galegos en xeral, e dos lugueses e luguesas en particular, é o BNG. Cremos que os cidadáns van confiar en nós. O Bloque ten que xogar en Madrid o papel que xogaron cataláns e vascos.
-¿En que basea a súa confianza nos resultados do Bloque na provincia?
-Primeiro nos resultados das eleccións municipais, que nos sitúan moi próximos a obter representación no Congreso. Estamos nun bo momento político para o BNG; estamos no goberno de moitos concellos e tamén da Xunta de Galicia. Temos unha organización que acaba de cumprir 25 anos e ten fortaleza e capacidade demostrada para actuar no goberno. Sobre todo temos un traballo feito nos dez últimos anos no Congreso que demostra que somos capaces de traballar e de obter resultados concretos, non promesas; logros concretos para o noso país. A nivel intuitivo, a percepción que temos, incluso desde o propio Concello, é positiva, de que o traballo que está a facer o BNG é un bo traballo e vai dar os seus froitos.
-¿Pode afectar ao nacionalismo a viva polémica que mantén o PSOE, e o propio Goberno, coa Igrexa, ou polo menos cos sectores máis conservadores da Igrexa?
-O BNG aposta porque non haxa retroceso nas liberdades democráticas e nos logros conseguidos nos últimos anos. O BNG traballou e fixo numerosas emendas a moitas das leis que se aprobaron neste último período, que representan un avance social considerable. Tamén é verdade que este enfrontamento PP-PSOE en moitas ocasións é ficticio. Non temos máis que ver o que acontece no Concello de Lugo onde na práctica política diaria lles permite chegar a acordos sen ningún tipo de problemas.
-A poucas semanas das eleccións, ¿que papel cre que xoga a Igrexa?
-Está xogando un papel que excede con moito o que calquera relixión debe xogar nunha sociedade avanzada, democrática como a nosa. Entendemos que eses avances democráticos non se poden perder, que hai que mantelos e consolidalos, incluso hai que avanzar máis nese camiño. Eu creo que aos votantes lucenses o que lles preocupa son as cuestións da vida diaria: a cesta da compra, chegar a fin de mes, pagar a súa hipoteca, ter capacidade económica para dar estudos aos seus fillos, ter unha ponte sobre o Miño, ter un tren que os comunique co resto da provincia... ese ten que ser o debate real neste proceso electoral e neso é no que vai incidir o BNG.
-¿Que debe representar a próxima lexislatura para a provincia de Lugo?
-Ten que representar un salto cualitativo e cuantitativo. Estamos a anos luz do que existe noutras provincias, incluso moi por detrás do que existe nas outras tres provincias galegas. ¿En que vai centrar os seus esforzos o BNG a partir do 9 de marzo? A nivel infraestrutural, no tema viario: As autovías Lugo-Santiago, Lugo-Ourense, a Transcantábrica e a A-76. Iso vainos permitir as comunicacións dentro da provincia e tamén coas outras provincias. Centraremos o noso esforzo en dar un impulso ao ferrocarril, pero non exclusivamente ao AVE; tamén ao de cercanías, que está absolutamente abandonado. Con pequenas reformas e pequenos investimentos podiamos ter un ferrocarril que nos permita desprazarnos a máis de cen quilómetros hora e que, polo tanto, acurte con moito os tempos Lugo-Monforte, Lugo-Ferrol, Lugo-Santiago... Esas son cuestións que para nós son importantísimas. Como o é tamén conseguir a Autoridade Portuaria e a apertura do dique de Alcoa para o tráfico comercial.
-Fala das autovías, pero tamén as outras estradas necesitan atención...
-O estado da N-VI é un asunto que hai que abordar. Necesitamos autovías pero tamén que esas outras vías estean en boas condicións. É o caso da estrada de Ribadeo, que está chea de parches e dificulta moito as comunicacións. Estas vías son as que facilitan ou complican o día a día dos cidadáns. O AVE é importante, pero tamén o tren de carcanías e as estradas. Desde logo, o BNG non vai traballar exclusivamente no ámbito infraestrutural; o campo social, nunha provincia como a de Lugo, é un dos que van ser prioritarios. Temos unha poboación envellecida, moi dispersa... A posta en marcha do servizo 065, que funcionará na montaña, é un exemplo da aposta do BNG pola Galicia interior.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios