Unha placa conmemorativa sinala a casa natal do poeta Lois Pereiro

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

FRANCISCO ALBO

O Concello leva a cabo unha homenaxe que estaba pendente desde o 2011

01 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A casa natal do poeta Lois Pereiro, na rúa de Ourense, está sinalizada desde onte cunha placa dedicada á súa memoria. O Concello de Monforte comprometérase a levar a cabo unha homenaxe pública ao escritor -aínda que ao principio falouse de erixir unha estatua- cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas. A placa foi descuberta nun acto celebrado á unha e media da tarde, no que participaron a nai e o irmán do poeta -Inés e Xosé Manuel Pereiro- e o escritor Manuel Rivas, amigo persoal do homenaxeado. Na inauguración tamén estiveron presentes varios representantes do goberno e da oposición municipais.

A placa reza: «Nesta casa naceu o 16-02-1958 Lois Pereiro, poeta, escritor e fillo predilecto da nosa cidade, honrado co Día das Letras Galegas 2011» e inclúe tamén unha frase do propio Pereiro: «Estou vivindo un soño repetido nas noites dos que me seguen querendo».

Psicoxeografía monfortina

Durante o acto, Manuel Rivas cualificou esta xornada como «un día feliz para os nomes, para as palabras que Lois fixo levedar e enriquecer» e afirmou que a homenaxe axudará a que «o noso ecosistema cívico e cultural sexa máis rico». O escritor sinalou tamén que o feito de identificar o lugar natal do poeta é importante «para a psicoxeografía de Monforte» e que será un motivo máis para visitar a cidade. «Lois tamén pasará por aquí e sorrirá de esguello ao ver esta lembranza», engadiu. Pola súa parte, o xornalista Xosé Manuel Pereiro recordou que Monforte foi un dos primeiros lugares de Galicia en dedicar unha rúa a Castelao. «Quen honra, hónrase», concluíu.

Antes da inauguración da placa celebrouse no instituto Daviña Rey unha homenaxe a Lois Pereiro no que participaron igualmente a nai e o irmán do poeta xuntamente con Manuel Rivas. O acto foi organizado polo departamento de normalización lingüística do centro, dirixido pola profesora Xulia Rodríguez Guntiñas, e foi presentado polo seu seu director, Isaac González. Os participantes falaron sobre a vida e a obra literaria e as actividades culturais do poeta monfortino e sobre o seu papel na literatura contemporánea galega. Durante o acto, por outro lado, alumnos do centro interpretaron unha peza musical en homenaxe a Inés Pereiro, que onte celebrou o seu cumpreanos.