O Ministerio de Cultura catalogará todas as igrexas románicas da Ribeira Sacra

monforte / la voz

LEMOS

22 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Ministerio de Cultura realizará unha catalogación exhaustiva do patrimonio románico da Ribeira Sacra dentro dun proxecto de colaboración coa fundación burgalesa Santa María la Real, entidade que edita a Enciclopedia del románico en España. O traballo encádrase nunha catalogación xeral do románico galego que se leva a cabo coa finalidade de elaborar un novo volume para a citada enciclopedia, que consta xa de 38 tomos.

O proxecto comezou cunha catalogación do patrimonio románico da provincia de Pontevedra que realizou esta fundación hai algúns anos. Ademais da Ribeira Sacra, tamén están pendentes de estudo as igrexas románicas do resto da provincia de Ourense e de toda a da Coruña, así como dalgunhas zonas da de Lugo.

A nova fase da catalogación será realizada por arquitectos e licenciados en historia da arte que contratou o ministerio. A coordinación técnica corre a cargo de José Ramón Soraluce, profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e José Carlos Valle, experto do Museo de Pontevedra. Os traballos de campo, que comezaron o pasado luns nas provincias de Lugo e Ourense, terán unha duración de nove meses. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia cederá temporalmente unha parte das súas oficinas en Lugo e Ourense para axudar a realizar estes traballos.

147 edificios

Os responsables do proxecto teñen previsto examinar 147 construcións de orixe medieval na Ribeira Sacra lucense e ourensá, pero puntualizan que esta cifra é só unha aproximación, xa que podería variar se os investigadores encontran noutros edificios da zona algún elemento que consideren que mereza ser catalogado.

No inventario serán incluídas todas as igrexas que conten con algún elemento arquitectónico e artístico de orixe románica, así como todas as pezas de arte moble pertencentes a ese período.