Os clientes de Lugosur terán descontos no golf de Pantón

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Un acordo co hotel balneario de Augas Santas permitirá utilizar as súas instalacións a un 50% do prezo habitual

01 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A asociación de empresas rurais Lugosur asinou onte un acordo de colaboración co hotel Oca Augas Santas, en Pantón, que permitirá aos clientes das hospedaxes da zona acceder con descontos ao campo de golf e ás instalacións balnearias deste establecemento. As rebaixas rondan o 50% do prezo que hai que abonar habitualmente por estes servizos. O convenio, que xa entrou en vigor, inclúe ás demais empresas inscritas en Lugosur aparte dos negocios de hospedaxe, como os restaurantes e adegas, que tamén poderán ofrecer aos seus clientes esa posibilidade.

Segundo explican desde a directiva de asociación, de momento son quince as empresas que se adheriron a este acordo, ao que poden sumarse igualmente as outras firmas integradas en Lugosur. O acordo recén asinado, engaden por outra parte, pode traducirse na creación de paquetes turísticos novidosos por parte das empresas locais do sector, que terán ocasión de complementar as súas ofertas co uso do campo de golf e do balneario.

Un acordo previo

Previamente, Lugosur xa mantiña outro convenio co hotel de Augas Santas que lle permitía ofrecer aos clientes das súas empresas acceder con desconto ao circuíto acuático do balneario. «O novo acordo refírese sobre todo ao uso do campo de golf, pero contempla tamén a posibilidade de acceder ao balneario no caso, por exemplo, de que os usuarios sexan unha parella e que só unha desas persoas estea interesada en xogar ao golf», sinala o presidente de Lugosur, Javier Carreira.

O novo convenio, a xuízo dos seus promotores, contribuirá de forma significativa a un mellor aproveitamento das potencialidades turísticas da zona.