No franquismo Mato xa militaba no clero máis avanzado, metido a dinamizador social e musical
28 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Aínda agora, 53 anos despois de que se ordenara sacerdote, Xesús Mato non se recoñece coa definición de «cura progre» coa que foi bautizado na última parte do franquismo e na transición. Pero ser, foino. ¿Como senón se lle pode chamar a quen dicía a misa en galego, montou unha emisora de radio parroquial e retransmitiu en Galicia a primeira misa nese idioma, e implicou a máis dun cento de xóvenes nun traballo entre pastoral e social que incluíu a lectura e debate de todo o saído do Concilio Vaticano II? Mato, músico xa por tradición familiar, foi tamén o mentor de Fuxan os Ventos, aínda que aclara que «o mérito téñeno eles». E nesas anda, porque sigue colaborando coa Quenlla e co Orfeón Lucense. A todo isto, leva xa catro bispos e cinco papas.
Mato, que é unha persoa de símbolos, elixiu como un dos seus recunchos predilectos o lugar no que medra con vigor un cedro que foi plantado cando inauguraron a Casa Diocesana, na que reside. Di que tamén o podía ser un carballo ou un castiñeiro porque son árbores fortes que aguantan todo tipo de ventos e inclemencias. Iso foi, precisamente, o que fixo el toda a súa vida, que aguantou ventos fortes en contra e aí segue aos seus 78 anos plantado e ben dereito, realizando a fotosínteses vital a través da luz que lle proporciona Cristo, o seu constante referente, como diría el nun artigo dos que publica semanalmente neste periódico.
Naceu en Cabodevila de San Martiño de Castro (Paradela), no seo dunha familia labrega acomodada que lle puido pagar os estudos no Seminario de Lugo. Foi consciente dende o primeiro momento de ser un privilexiado, porque moitos outros rapaces da súa época emigraron ou non puideron dar cauce ás súas vocacións. En marzo do 1958 ordenouse e mandárono a Lalín, onde permaneceu desde ese mesmo ano ata finais do 67. Logo veu para Lugo e os últimos 28 anos como cura en activo pasounos de novo en parroquias rurais, levando media ducia entre os municipios de O Courel e Pedrafita. «Levei parroquias da zona, pero O Cebreiro nunca o levei nin interese que tiña en levalo porque non quero andar no medio dos cartos nin é o meu estilo evanxélico».
Entre eses dous períodos chamárono a Lugo co cometido de axudar a montar Radio Popular, na que estivo desde o 67 ata o 80, e tres anos máis tarde marchou para a montaña.
A misión hertziana rematou mal, con preito por medio e cunha falta de identificación co que axudara a crear. Esa encomenda non fora casual, porque tiña unha experiencia adquirida en Lalín cunha emisora parroquial, que á súa vez tiña os antecedentes nunha máis virtual que real que facían no Seminario cando era estudante, Radio Montaña. Logo tamén se formou asistindo a un cursiño no que todos fixeron un pouco de profesores e de alumnos; aínda non existían nin as escolas de xornalismo e foi o primeiro no que se formou moita xente da radio española. «En Lugo collín a etapa máis bonita de Radio Popular, que se montou a raíz da lei Fraga, porque eran os anos do maio do 68 e os últimos do franquismo».
Aires de renovación
En 1958, cando se ordenou sacerdote e xa cunha conciencia social, non corrían aires favorables ás súas ideas. En Lugo o doutor Balanzá era o encargado de velar pola ortodoxia na súa diocese e en Roma mandaba o papa Pío XII. Por iso, cando se celebrou o Concilio Vaticano II, do 62 ao 65, Mato absorbeu rapidamente coma unha esponxa as súas conclusións. «Eu vivino plenamente e fortemente en Lalín, e seguidamente nós celebramos o pastoral de Galicia, que foi a continuación da renovación, levantou moitas expectativas e eu estiven moi embarcado en todos os sentidos, porque daquela estaba traballando na radio».
No 1972, aproveitando a disposición da xente a mobilizarse e a participar en todo, Xesús Mato estivo metido en todo e participou no xurdimento de experimentos tan dispares como Auxilia ou o grupo Fuxan os Ventos, o maior éxito musical galego do momento. Colleu fama de druída que reunía a xente nova entre a que abundaban estudantes que chegaban de todas as comarcas a Lugo dispostos a facer cousas. «Sempre tiven a filosofía de facer o que consideraba que debía facer; non fun ningún vago, traballei en todo o que me metín porque nunca concibín o cura soamente para o culto, sen a parte social». Considérase afortunado pola xente coa que traballou.
Xesús Mato
78 anos
Cura xubilado e músico
A sombra dun cedro que axudou a plantar cando fixeron a Casa Diocesana.