Un futuro para a castaña do Courel

Francisco Albo
francisco Albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Buscan unha nova técnica para colleitar o froito no soutos da serra

18 mar 2011 . Actualizado a las 09:52 h.

O grupo de desenvolvemento rural Ancares-Courel organizará o día 26 unha xornada que ten como finalidade divulgar unha serie de posibles alternativas para estimular e modernizar a produción de castaña no municipio courelao. Esta convocatoria encádrase nunha liña de actuación que o GDR puxo en marcha no outono do 2009 e que comprende diversas iniciativas, algunhas delas xa realizadas e outras en proxecto, todas as cales apuntan a buscar novos camiños para este produto tradicional da serra e a convertelo nun importante recurso económico.

Un dos proxectos máis importantes dentro desta liña de actuacións levarase a cabo o próximo outono e consistirá en experimentar novas técnicas de recollida da castaña coa fin de abaratar o custo deste labor, que presenta dificultades especiais neste municipio de complexa orografía. Estes experimentos contarán co apoio económico do proxecto Nuevos Horizontes -financiado polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino-, no que toma parte o GDR xunto con outras entidades xestores do plano Leader.

Experimentos con redes

Os experimentos faranse con diferentes tipos de redes, seguindo unha técnica que se emprega habitualmente nas plantacións de castiñeiros de Francia. Esta solución -segundo explica a xerente do GDR, Raquel Zolle- é a que ten máis posibilidades de funcionar nos soutos que se encontran en ladeiras empinadas, como sucede a miúdo no Courel. Recorrer ás máquinas de colleitar castañas que existen actualmente no mercado -que utilizan sistemas de aspiración- non se considerou adecuado, xa que estes mecanismos non funcionan de forma satisfactoria en terreos cunha pendentes de máis de dez ou quince graos. Unha grande parte dos soutos do Courel están situados en ladeiras considerablemente máis escarpadas.

Terreos variados

As probas levaranse a cabo en terreos que aínda están por determinar. Para estes experimentos escolleranse parcelas con diferentes graos de inclinación, a fin de de desenvolver unha técnica que poida utilizarse no maior número posible de soutos, incluso nos de acceso máis complicado. Deste xeito preténdese favorecer a recuperación de zonas produtiva que levan moito tempo abandonadas polos problemas que presentan para a recolección do froito.