Morreu Portapena e naceu O Control

Rodrigo Fernández
Roi Fernández CHANTADA/LA VOZ.

LEMOS

En Chantada hai aldeas que desaparecen sen que quede delas nin unha pedra e outras recén fundadas que aportan nomes curiosos á toponinia local

12 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A aldea chantadina de Portapena xa non existe. Non se trata só de que o lugar ficase abandoado. É que non queda nin unha pedra. Onde antes estaban as casas hoxe non hai máis que un prado. Os seus últimos veciños marcharon máis ou menos ao mesmo tempo que no Miño se construía o encoro de Belesar, unha obra que acabaría provocando o contrario do que lle pasou a Portapena, o nacemento dunha aldea onde antes non había nada. O seu nome é O??????????Control, un topónimo tan pouco habitual como a súa orixe.

O lugar de Portapena estaba na parroquia de Esmoriz. Estaba porque nese lugar hoxe non hai nada, nin casas, nin valados, nin hórreos. Tampouco o cruceiro, que foi levado polos veciños frente á igrexa da parroquia. Pero agora nada nos revela que nun tempo alí houbo veciños ou que facían a súa festa todos os anos o día de San Ramón.

A once quilómetros da capitalidade municipal, á beira do Asma e xusto debaixo da ponte da estrada que vai da Barrela a Esmoriz e por riba da presa do Penete, en Portapena había tres casas. A do Carballo, estaba na beira de Chantada e foi a primeira en desaparecer. A súa pedra foi utilizada na construcción da actual ponte, que sustitúe á máis vella, que era de madeira. As outras dúas casas, que estaban na beira de Carballedo, foron derruídas hai uns trinta anos. A pesar de estar asentada en parte no termo municipio de Carballedo, Portapena non pertencía á parroquia de Cartelos, como a veciña aldea de Vilaguillulfe, senón que figuraba adscrita á chantadina Esmoriz.

A desaparición total dunha aldea non é habitual, distinto é que marchen os moradores deixando atrás as casas ou as súas ruínas. O de Portapena é un caso raro porque só queda o espazo que ocupou. E tamén o seu nome, mantido polos habitantes dos lugares próximos. Non pasou tanto tempo, así que queda moita xente que lembra o lugar e aos seus veciños, que cando decidiron deixar as súas casas marcharon a Cambeo, no cercano municipio ourensán de Coles.

Pero da existencia de Portapena non só quedan referencias orais, senón que tamén as hai escritas. Pódese ler unha alusión a esa aldea nunha publicación do crego Jesús Guerra Mosquera sobre a vida de frei Miguel Gonzalez, ao que se supón que pertende o coñecido como Corpo Santo de Santa Cruz de Viana. Nunha lista de milagres atribuídos a este freire dominico que foi compañeiro de san Telmo e vivíu entre os séculos XVII e XVIII, fálase do muíño de «Puerto Apena donde tenía el grano para moler Domingo de Burgás el Viejo».

Un xigante en Belesar

Case ao tempo que se tiraban as casas de Portapena, Chantada vivía o seu El Dorado coa construcción do encoro de Belesar. A parroquia de San Fiz era a que vía en directo como medraba o xigante e novidoso muro de formigón, de tipo bóveda de gravidade, que lle paraba a bravura ao río Miño.

Para chegar ao pé da obra, aos enxeñeiros de Dragados y Construcciones non lles quedou outro remedio que construír un acceso que partía do lugar da Pena do Couto. Alí donde comezaba esa estrada, que aínda se usa hoxe, púxose unha caseta de madeira para o control do paso de camións cargados de material de traballo. Algúen levantou alí unha casa que tamén é cantina e o novo lugar acabou por chamarse O Control. Hoxe, os ómnibus das esquelas recollen a xente en Portas pasando polo Control, Meixide e Costoira, e tamén se pode ir tomar unha cervexa ou mercar alimentos na cantina do Control.

O topóninmo está totalmente asentado, tanto que xa figura recollido como tal no noménclator oficial da Xunta. E desde logo, non hai outro con ese nome en toda Galicia. A lista de topónimos galegos oficiais inclúe tamén un só Portapena. Pero é unha aldea do municipio coruñés de Monfero. O de Chantada só segue vivo na memoria dos veciños.