O PP de Lugo chama á mobilización social contra a paralización da autovía A-56
LEMOS
O PP de Lugo chamou onte aos veciños da zona sur de Lugo a que reivindiquen os compromisos que o Ministerio de Fomento adquiriu con eles e que «non vai cumprir». «Todos os lucenses debemos esixir que non nos deixen quedar de lado, se perdemos este tren, perdemos o tren da modernidade», indicou o presidente dos populares lucenses, que denunciou o trato discriminatorio que no seu xuízo a provincia está recibindo por parte de José Blanco e o seu departamento ao albergar o 84% das actuacións que se reprogramaron na comunidade galega.
Segundo José Manuel Barreiro, os recortes de Fomento van retrasar aínda máis unhas infraestruturas básicas para o desenvolvemento da provincia que xa viñan con retrasos, ademais das perdas de postos de traballo e do movemento económico que a súa estadía supoñía na zona.
O presidente do Partido Popular de Lugo, que compareceu acompañado polos responsables do seu partido nas comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga, afirmou que de todos os proxectos que había programados para esta zona «non queda ningún». Ademais da rescisión dos contratos dos dous tramos da A-56 ao seu paso por Carballedo, o PP lucense tamén responsabilizou ao ministerio dos retrasos da autovía A-76 Ponferrada-Monforte, que aínda está en estudo, e da A-72 Chantada-Monforte «que tamén tiña que estar operativa pero non conta con proxecto nin orzamento».
Para os populares, a provincia de Lugo non só desaparece da comunicación por estrada, senón tamén da ferroviaria: «Somos a única provincia que queda fóra da alta velocidade en prazos que se poidan dicir razoables». Segundo os populares, Blanco gañou o apelativo de «incumpridor», ao romper os compromisos adquiridos cos veciños da provincia de Lugo. «Dáse ademais o paradoxo de que o ministro é deputado pola provincia de Lugo e é veciño da Ulloa -apuntou Barreiro- e lonxe de notarse, castiga a súa provincia en comparanza co resto de Galicia».