«A miña novela fala de tempos duros que hai que lembrar aínda que doa»

LEMOS

Quiroga presentará en marzo en Escairón a súa nova obra narrativa, na que volve explorar a memoria da Guerra Civil e da posguerra nas terras do sur lucense

11 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O escritor Xabier Quiroga presentará o 6 de marzo no Círculo Saviñao -ás 20 horas- a súa cuarta novela, O???????Cabo do Mundo , unha obra ambientada en terras do sur lucense e inspirada en sucesos reais da Guerra Civil e da posguerra. A obra foi presentada recentemente no instituto de ensino medio de Lalín -onde o autor traballa como docente- e Escairón será o segundo lugar onde se dea a coñecer nun acto público. «Non teño previsto presentala en máis lugares porque vivo bastante á marxe do ambiente literario e deste tipo de actos», comenta Quiroga.

-¿Ten moita relación este libro coa súa primeira novela, «Atuado na braña», situada tamén na comarca de Lemos e relacionada coa mesma época da historia recente?

-Ten algunha similitude, pero son obras totalmente independentes. A miña anterior novela, Se buscabas un deus , si era en certo modo unha continuación de Atuado na braña , pero o caso de O Cabo do Mundo é diferente. Neste libro volvo ao mesmo territorio porque quero facer unha literatura achegada á realidade e a da miña terra natal é a que mellor coñezo. E volvo rememorar os tempos da guerra porque me atrae moito ese tema e porque penso que a literatura ten aínda moito que explorar naquela época, na que sucederon cousas terribles que permaneceron ocultas durante moitos anos.

-¿Ata que punto pode considerarse o libro como unha reconstrución fiel da realidade histórica?

-O libro inspírase en sucesos verídicos que ocorreron en diversos lugares da Ribeira Sacra, como O Saviñao, Chantada ou Monforte. A idea de escribir esta novela partiu de certos traballos históricos que foron publicados no seu día nos libros que editou o Círculo Saviñao e que me chamaron moitísimo a atención. A partir de aí, fixen un traballo de investigación e documentación moi extenso e falei moito con xente que viviu aqueles tempos. O protagonista da novela é un home da época actual que decide investigar certos sucesos da guerra nos que estivo involucrada a súa familia e a investigación que realiza ese personaxe na ficción da novela reproduce en grande parte a investigación real que fixen eu. No libro hai moitas referencias a feitos reais e sucede en escenarios reais, pero hai que ter en conta que O Cabo do Mundo é unha obra de ficción, unha recreación literaria na que hai unha porcentaxe moi alta de imaxinación.

-Despois de tantos anos, ¿cre que aínda pode provocar polémica o feito de falar daqueles sucesos nunha obra literaria?

-Presentar esta obra no Saviñao vai ser difícil para min, porque fala de feitos tremendos e dolorosos que aínda están vivos na memoria de bastante xente maior. A moitos veciños destas comarcas resultaranlles seguramente moi próximas as historias dos asasinatos que cometeron as patrullas falanxistas nas terras da ribeira do Miño e outras cousas que aparecen no libro. Pero penso que é necesario recuperar dalgún modo a memoria deses tempos e aínda que O Cabo do Mundo é unha obra de ficción, procurei axustarme ao máximo á realidade histórica. A miña novela fala de tempos duros que hai que lembrar aínda que doa.