Os datos consignados na lista de prisioneiros lucenses non permiten coñecer a ciencia certa a procedencia de sete
deles, pois os topónimos que figuran como os seus lugares de orixe -sen precisar o municipio- se repiten en diversos lugares da provincia.
É o caso de Victorino Díaz Ortas, morto en 1942, que aparece como orixinario de Mosteiro, un nome que corresponde a nove parroquias e lugares diferentes. Jesús López Digón, morto tamén en 1942, é mencionado como oriundo de Freixo, nome dunha parroquia da Fonsagrada e de sete núcleos de distintos municipios. Ramón López Gómez, falecido en 1941, figura como natural de Buisán, un topónimo que existe en Becerreá e A Fonsagrada. Tamén é dubidosa a procedencia de José Fernández Santín, morto en 1941, que figura como natural de San Miguel, e Cástor Martínez Parada, morto no mesmo ano e sinalado como posible nativo de Trascastro, nome dunha parroquia do Incio e de varios lugares máis. Todos estes homes foron deportados ao campo de Mauthausen.
Por outro lado, un tal Francisco Gómez, natural de Mato -outro nome moi repetido- foi liberado ao final da guerra no campo de Buchenwald. Tamén sobreviviu ao cativerio Servando Peteiro Basanta, preso en Mauthausen e natural dun lugar que aparece consignado simplemente como Santa Eulalia.