Os GDR do Camiño Sur estudaron posibles iniciativas para promover conxuntamente a ruta dentro do Leader
LEMOS
Representantes dos grupos de desenvolvemento local (GDR) da Ribeira Sacra, Valdeorras e o Bierzo mantiveron onte en Monforte unha primeira reunión coa finalidade de emprender proxectos comúns dentro do plano Leader para promocionar o Camiño de Inverno. Ao encontro tamén estaban convidados os GDR de Miño-Ulla, Terras do Deza e Terras de Compostela, que non puideron enviar representantes por motivos de axenda, pero expresaron o seu interese pola iniciativa.
A reunión celebrouse no centro Expolemos, onde o presidente e o xerente do GDR Ribeira Sacra, Julio Álvarez e Martín Alemparte, explicaron a proposta de cooperación lanzada por este grupo aos xerentes do Leader en Valdeorras, Manuel Lorenzo Fernández, e o Bierzo, Ruth Morales de Vega.
Entre as actuacións propostas figuran a de organizar un plano director para a promoción do Camiño de Inverno, completar a súa sinalización, elaborar un inventario dos recursos turísticos situados ao longo da ruta histórica e realizar unha cartografía exacta do itinerario. Así mesmo, preténdese publicitar a ruta mediante a edición de material impreso e audiovisual e a través de Internet, organizar congresos para divulgar o seu patrimonio histórico e cultural e levar a cabo recorridos promocionais, convidando a personalidades recoñecida a participar nestas iniciativas.
A directiva do GDR Ribeira Sacra propón financiar estas actuacións, se é posible, recorrendo a unhas liña de subvencións específicas que o Goberno central e a Xunta destinan para sufragar actuacións concretas de desenvolvemento rural. En caso de non poder conseguir estas axudas -engadiron Álvarez e Alemparte-, cabería utilizar os orzamentos denominados de promoción do territorio, unha parte dos presupostos dos GDR que estes grupos poden investir libremente nas actuacións que consideren necesarias. Os orzamentos de libre disposición con que contan en conxunto os cinco GDR implicados neste proxecto ascenden a 191.820 euros para o período 200-2009 e a 127.760 euros para o 2010.
Os grupos de desenvolvemento estudarán agora a proposta formulada polo GDR Ribeira Sacra e decidirán se se adhiren definitivamente a esta iniciativa. A finais de outubro haberá unha nova reunión para determinar se segue adiante con este proxecto.
Por outro lado, en Expolemos foi presentado onte unha guía do tramo lucense do Camiño de Inverno que foi editada polos antigos GDR Río Lor e Ribeira Sacra. A publicación, dunhas sesenta páxinas, contén numerosas imaxes dos diferentes puntos de interese da ruta e foi impresa cunha tiraxe de 10.000 exemplares. A guía será distribuída polas oficinas de turismo e hospedaxes rurais da zona e ofrecerase a todas as institucións e persoas interesadas na ruta.