Unha exposición e unha guía divulgan o patrimonio natural e cultural dos municipios do grupo Río Lor

La Voz

LEMOS

09 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que a Asociación Río Lor xa hai tempo que deixou de existir, a entidade que que xestionou os anteriores planos Leader nos municipios deste grupo -Quiroga, Ribas do Sil, O????????Courel, Brollón, Bóveda, O Incio e Samos- tiña todavía un proxecto pendente de realización. Consiste, por unha parte, na realización dunha exposición itinerante sobre o patrimonio natural da zona, que foi inaugurada onte pola mañá na Casa de Cultura de Bóveda. Ao mesmo tempo presentouse unha guía dedicada aos recursos turísticos do territorio, que foi editada cunha tiraxe de 3.000 exemplares.

A exposición consta de 23 paneis informativos e dez mesas interactivas e está concebida para que sexa facilmente comprensible polo público escolar, aínda que se dirixe a visitantes de todas as idades. As súas diferentes seccións ofrecen informacións sobre a fauna, a flora a e xeoloxía do territorio que conforman os sete mencionados municipios. A iniciativa acompañouse da edición dun caderno con unidades didácticas que serán ofrecidos aos centros educativos da zona. A mostra estará aberta neste local ao longo do verán e permanecerá alí durante un tempo despois do inicio do próximo curso escolar, para que poida utilizarse en actividades dirixidas aos alumnos do colexio público de Bóveda. Posteriormente trasladarase aos demais municipios da zona, se ben aínda está por decidir o calendario.

A guía turística, de 155 páxinas, está ilustrada abundantemente con fotografías, debuxos e mapas. Divídese en cinco seccións principais, dedicadas respectivamente aos espazos naturais, a historia, o patrimonio histórico e etnográfico, a gastronomía e as festas tradicionais e aos datos práticos para visitar cada un dos municipios da zona. O libro acompáñase dun mapa de estradas, impreso por separado, para facilitar o percorrido por estes municipios.

A publicación estará dispoñible de xeito gratuíto nos concellos da antiga Asociación Río Lor, así como nas oficinas de turismo e na sede da desaparecida entidade -situada en Rubián-, que hoxe alberga as oficinas do grupo de desenvolvemento local Ribeira Sacra.

Nestas dúas iniciativas investíronse en total 47.260 euros. A exposición a edición das guías didácticas contou cunha axuda de 37.060 euros concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dentro do programa Dinamizadores-08. A edición da guía custou 10.200 euros.