O alcalde da Pobra do Brollón destacou a importancia de celebrar un festival folclórico, o que considera garante dunha maior afluencia de público
11 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O alcalde da Pobra do Brollón está moi satisfeito coa participación dos veciños na organización das festas do Corpus Christi. José Luis Maceda lamenta non poder dispoñer dunha partida para contratar un grupo musical de actualidade, pero insiste na variedade do programa de actos.
-¿Que sensacións ten de cara aos festexos desta fin de semana?
-Preséntanse unhas festas moi animadas. Quero destacar a variedade do programa de actos, porque se trata das máis importantes do municipio. Consideramos que a afluencia de público será importante, tendo en conta o que pasou o ano pasado.
-¿De que maneira se implica o Concello na organización das festas?
-Hai que recoñecer que a crise tamén nos afecta. O Concello da Pobra do Brollón aporta uns 4.000 euros, ao que hai que sumar toda a intendencia e o respaldo tanto ao certame folclórico como a Volta a Galicia de mountan bike. Son actividades complementarias que servirán de estímulo a unha maior presencia de público na capitalidade municipal.
-¿Que destacaría do programa de actos?
-Conseguimos a participación de todos os veciños nestas festas. A esto axudou sen dúbida que se confeccionase un programa de actos para todas as idades. Son os festexos do pobo, da nosa xente, da rúa. Sería un San Froilán en pequeno. É emocionante ver como se reúnen as familias e como moita xente volta dos seus lugares de traballo a súa terra. Non se necesitan grandes orquestras para conquerir unha maior calidade. O importante é que todos se animen e se sintan partícipes do Corpus Christi. Tamén quero agradecer e felicitar a aquelas persoas que confeccionarán unha alfombra floral coa súa correspondente ofrenda.
-¿É doado suplir unha actuación como a que houbo o ano pasado?
-Como comentei, a crise pasa factura, e nós non podemos dispor dunha cantidade económica para contratar un grupo de élite. Non obstante, eu quero publicitar ao máximo o certame folclórico, que reunirá mañá na Pobra do Brollón a grupos musicais de Monterroso, Sarria e a nosa banda de gaitas. Coido que suple perfectamente, dada a situación na que estamos, actuacións de máis envergadura.
-Continúan a traballar nas infraestructuras, ¿en que priorizan as actuacións?
-Estamos centrados fundamentalmente no plan estatal que no seu día aprobou o goberno de Zapatero, que ten como obxectivo o fomento de emprego. As actuacións céntranse principalmente na mellora enerxética, co seu correspondente aforro. Levamos a cabo a rexeneración de varias vías de comunicación locales e estamos traballando na posta en marcha dunha nova traída de augas á capitalidade municipal. Era un dos nosos obxectivos, que está presto a convertirse nunha realidade.
-¿Que grao de desenvolvemento ten o Plan Laxa?
-Está funcionando moi ben. Os parados da pizarra traballan nos desbroces e limpeza de vías, unha actuación que consideramos prioritaria, xa que estamos a piques de entrar no verán, e iso conleva un maior risco no tocante a incendios forestais. Queremos que os turistas que nos visitan teñan os sendeiros e as estradas limpas para que poidan disfrutar das nosas potencialidades paisaxísticas e histórico-artísticas.
-¿Como valora que o Parlamento galego rexeitase prorrogar este plan?
-É unha mala nova, tendo en conta o número de desempregados de sector pizarreiro que temos nesta zoa. Haberá que ver o que lle parece aos veciños esta postura do Partido Popular de rexeitar a prórroga de dito plan. Quero pensar que esta formación terá pensado un plan alternativo ou outras medidas. Haberá que esperar e analizar como queda a situación despois de coñecer esta postura. Sin profundizar en nada, a nova non é boa nin alentadora para moitos veciños da Pobra do Brollón que viven do sector.