«Hai gandeiros que producen leite e na casa usan de cartón»

Carlos Vázquez

LEMOS

Cre que a explotación agraria familiar cumpriu co seu fin pero «hoxe hai que pensar en clave de empresa»

31 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Sen perder unha pinga do seu natural inconformismo, Ramón Fuentes Colmeiro segue aos seus 76 anos coa preocupación vital de sempre, convencido de que a terra é un ente vivo ao que hai que coidar con moito cariño. Seis anos antes, en 2002, rematou a súa andaina laboral que comezara na axencia de Extensión Agraria de Monforte e despois de opositar recalou no Ministerio de Agricultura, en Lugo. Finalmente, disque desencantado co reparto autonómico, abandonou ese posto do que, sen embargo, garda moi bos recordos, e decidiu dedicar os seus esforzos a unha das súas grandes vocacións: o ensino. Aínda que tivo máis, quixo ser agricultor, un soño que cumpriu, chegando incluso a producir 100 toneladas anuais de patacas, e a outra das súas vocacións -esta frustrada- foi a de ser químico. Na Escola de Enxeñería Técnica Agrícola de Lugo impartiu a materia de Agricultura Ecolóxica e Fitotécnia Xeral.

Autor do libro Agrosistemas sostenibles y ecológicos , co tempo de pensar e non alleo aos grandes cambios que afectan a todo o sector agrario, Fuentes Colmeiro -nado en Arzúa aínda que fixo toda a súa vida en Lugo- vén de modificar algunhas das posturas que mantivo con anterioridade ao que el considera o final do sistema de explotación agraria familiar.

-¿Que non vai poder seguir como ata o de agora?

-A explotación agraria familiar. Hai que facer un novo deseño porque esa estrutura, que cumpriu unha función e foi moi ben na época do autoconsumo, xa non vale des que se converteu nunha forma de venda. Agora é como pedir esmola á porta dunha igrexa.

-¿Que quere dicir?

-Que non ten futuro. Evita que morras de fame pero non se pode esperar nada máis diso.

-Polo que di, producir co único obxectivo de vender non beneficia a longo prazo a xente que vive do campo.

-Chegamos ao estremo de que hai quen mantén unha explotación láctea e almorza co leite de cartón que mercou na tenda unha semana antes. Iso non é en absoluto sostible, pero é a realidade porque hoxe véndese todo e non se aproveitan nada, ou moi pouco, os excedentes.

-¿E como se lle traslada iso aos labregos?

-Ese é o problema. Sabemos que falarlle diso aos campesiños non dá votos e se non dá votos non hai quen o faga. Nin se atreveu a dereita nin a esquerda nin o fixeron os nacionalistas. E para colmo de males, a universidade está demasiado politizada.

-A política é a responsable.

-Tampouco se pode dicir de xeito categórico. Os políticos teñen que buscar o voto porque son políticos e se non o fan axiña os despachan. Habería que pensar nunha alternativa.

-Pero di vostede que a universidade tampouco...

-Xa. Eu pedín abrir nese foro un debate que estudara o problema e buscara solucións, xuntando para elo a todas as partes implicadas. Nin se fixo nin houbo quen me dera a razón, será que non a teño. De todas formas, o agricultor está contento coa política das subvencións porque son cartos seguros que evitan a morte definitiva da explotación familiar. Pero iso non ha poder seguir moito tempo.

-Inda que soe a recorrente, algúns expertos teñen diagnosticada a enfermidade, pero ¿sabemos como curala?

-O primeiro que hai que facer é cambiar de sistema e comezar a falar en clave de empresa para atraer á xuventude cara unha agricultura onde a xente poida atopar un traballo con retribucións xustas e días de descanso. Iso é fundamental pero só sucederá si se cumpre esa premisa.

-¿Refírese a unha empresa con empregados e funcións?

-Claro, claro.

-Para iso, entón, as superficies de cultivo terían que ser moito máis grandes.

-E que só así o campesiño poderá ter máis liberdade. Se tes unha explotación grande é cando podes contratar a un ou varios empregados que che permitan ir rotando á hora de traballar e obter o teu merecido descanso. O labrador pequeno, pola contra, non dá feito e váiselle a xornada en cousiñas que, ao final, mantéñeno atado.

-¿Converta e en hectáreas?

-Estaríamos falando dunhas 200 ou 300 hectáreas como mínimo para unha cifra de 500 vacas. Ten que haber unha relación entre a superficie agraria e a carga gandeira. 5 vacas por hectárea é unha barbaridade porque encarece o produto e a explotación faise insostible.

-Non sei si se podería producir máis barato do que se fai.

-Estou convencido de que si, pero hai que diversificar. A grande explotación debería contar con gando vacún, porcino e ovino, aproveitar o leite, botar patacas e dedicar terras a praderías artificiais, que poden dar 5 ou 6 cortes de herba ao ano.

-Diversificar é ter un pouco disto e un pouco daqueloutro.

-Se o labrego fose capaz de producir a materia prima que necesita, estaría en mellor disposición para salvar esta ou calquera outra crise. A diversificación é o menos malo dentro da agricultura. Pero para iso hai que dispor de superficies grandes.

-¿E como superamos a cultura do minifundio?

-Cómpre falar primeiro coa xente, debater o tema, elaborar estudos e comezar a aplicalos.

-¿Onde?

-A Deputación ten hectáreas na Terra Chá e en Monforte que ao mellor non están todo o ben aproveitadas que deberan. Pero sobre todo, cada día quedan aldeas baleiras que poderían usarse. Teñen os seus propietarios, si, pero habería que tratar de chegar a un acordo con eles e sacar un rédito a ese abandono.

-¿Por que a xente nova non para no rural?

-Tal e como está hoxe enfocado o sector é normal que a xuventude non queira quedar na aldea para traballar as terras e atender as vacas.

-¿De que maneira inflúe que a terra xa non é para os galegos o que foi para os que padeceron a fame e a emigración?

-O que sei eu é que á terra queríaselle como a un máis da familia. Pero ese cariño perdeuse e incluso estase maltratando.

-¿Con que?

-De moitas maneiras. Abusando da química, dos herbicidas... Producen efectos negativos que quedan no solo e nin sequera se estudan ou indican nos produtos. Non estou en contra dunha adecuada utilización pero a terra é como unha persoa e só debe tomar unha pastilla cando realmente o necesita. Por outro lado, tamén son prexudiciais certas prácticas como botar o millo sempre na mesma leira. (Cando veña unha seca, ao non ter forza, o millo ha secar). Outra mala práctica é mercar concentrados para evitar ter que cultivalos na explotación. Por dicir algo, hoxe ata se merca a palla.

-¿Estamos peor logo que, non sei, hai 50 ou 60 anos?

-No tocante ao manexo da terra, si. A terra está estragando moita calidade e polo tanto perde tamén a capacidade produtiva. Agora aínda non se albisca, pero hase ver no futuro.

-¿Que habería que facer?

-Usar a materia orgánica, que ofrece poder retentivo para a humidade e os principios fertilizantes. A materia orgánica retén o dobre do seu peso en auga.

-Rematamos falando de dous dos asuntos que máis afectan aos labregos. Un é o leite.

-É algo que se vía vir. O sector lácteo foi a solución tempo atrás, pero decaeu e agora vén o problema porque moitos agricultores optaron por un monoproduto que deixou de ser rendible. O leite págase mal pero non ten sentido que a xente que vive diso se dedique a mercar en vez de producir os produtos que precisa para manter as vacas. Iso xera uns gastos elevados que na actual situación nótanse.

-A outra é á reforestación.

-Foi unha forma de riqueza cuxo futuro agora é incerto debido á crise e aos sistemas informáticos que evitan ter que usar tanto papel. Neste momento os «cupos» para os madeireiros baixaron de 10 ou 12 á semana a tan só 2 ou 3. Con todo e iso, hai que admitir que o forestal funcionou menos mal que o agrícola.