Un xurado de profesionais seleccionará seis finalistas e dous gañadores

La Voz

LEMOS

O xurado profesional do concurso de tapas estará formado polos profesores de cociña Santiago Martínez Fernández e Celia García Pena -da Escola de Hostalería de Rosende do instituto lucense San Xillao, respectivamente-, o xefe de cociña do hotel de Augas Santas, David Abuín Gómez, e o presidente do consello regulador da denominación vinícola Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez. Estas persoas degustarán as tapas entre os días 11 e 12 e seleccionarán seis finalistas, entre os que se escollerán dous gañadores nun acto que se celebrará o día 26 no Centro do Viño da Ribeira Sacra.

Os 28 establecementosque toman parte no concurso serán identificados mediante letreiros. Entre as tapas que poderán degustar os clientes e o xurado profesional, haberá unha ampla variedade de preparados, «Ofreceranse desde as tapas máis tradicionais e coñecidas ata pratos de alta cociña», segundo precisou Beatriz Vila.

O certame gastronómico conta co patrocinio da Deputación provincial e a colaboración do CCU, o Concello de Monforte, a asociación de empresas turísticas Lugosur, o consello regulador da denominación Ribeira Sacra, o hotel de Augas Santas e o Parador de San Vicente do Pino.