«O plus de singularidade da cata aportao o entorno das adegas »

LEMOS

José Luis Maceda destaca o carácter artesanal do certame de Vilachá e a presencia do presidente do foro galego de Barcelona, Elio Mariano Rodríguez, como pregoeiro

01 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O alcalde da Pobra de Brollón destacou a importancia que ten para a feira de Vilachá o entorno no que se celebra. Considera que viño, paisaxe e etnografía son argumentos máis que suficientes para que moita xente acuda a disfrutar este fin de semana deste certame.

-¿Que sensacións ten de cara á cata de Vilachá?

-Moi boas. Pretendemos darlle continuidade á mostra. Considero que se nos respeta o tempo superaremos a afluencia de público doutros anos. O certame está en liña ascendente. Como novidade, temos a inauguración dunha adega-museo, na que xa se poden ver apeiros que se utilizaban noutros tempos na viticultura. A nosa idea é completala con paneis nos que irían fotos antigas de Vilachá e da disposición de viñedos en bancais. Os veciños son os que nos ceden os apeiros e as fotografías.

-¿Que peculiaridades ten esta mostra de viños?

-Trascende máis cunha típica feira do viño. O plus de singularidade dallo o entorno no que se celebra, no que destacan as súas adegas milenarias. Ten un valor histórico, etnográfico e paisaxístico incalculable.

-¿Que características presentan estes caldos?

-Son os típicos viños da Ribeira Sacra, mencías cun sabor afroitado e un compoñente mineral importante, motivado pola disposición dos viñedos en solos de moita lousa. O que si quero destacar é o grao de profesionalización que van adquirindo os colleiteiros de Vilachá á hora de elaborar os viños. Miman moito mellor o produto, porque se deron conta de que o 80% da calidade está nos propios viñedos.

-¿Comercialízanse?

-Salvo dúas ou tres adegas, que están amparadas pola denominación de orixe, o resto elaboran viño para autoconsumo. Non obstante, quero recordar que un dos mellores viños da Ribeira Sacra deste ano, e que recibiu un premio, foi o que elabora Adegas San Mamed, que recolle as uvas dos viñedos que ten na parroquia de Vilachá.

-¿De que maneira mima a administración local ao sector?

-Apostando pola apertura e o acondicionamento de pistas que levan aos viñedos. De feito, estamos a piques de rematar algunhas obras que se incluíron no plan estratéxico de Medio Rural, cun custe de 275.000 euros. Ademais, a miña ilusión, aparte de dispor xa dunha adega-museo, é realizar unha mellora importante das adegas de Vilachá. Dispoñíamos xa dun proxecto integral para levar a cabo varias actuacións, pero co cambio de goberno na Xunta de Galicia, non sabemos se a proposta será ben recibida. Nós imos traballar para poder levalo a cabo.

-Seguen na liña de apostar por pregoeiros nativos de Pobra de Brollón.

-Así é. Este ano o encargado de pregoar a mostra será Elio Mariano Rodríguez, presidente do foro galego de Barcelona, que é natural de Vilachá. É un gran embaixador de toda a comarca de Lemos en Cataluña. Dende que estou na alcaldía tiven claro que o pregoeiro debía ser unha persoa vinculada co territorio no que se realiza a feira. Trátase de xente que sinte realmente a súa terra. O ano pasado, o que leu Luis Díaz foi un dos mellores que escoitei na Ribeira Sacra.

-¿Haberá servicio gratuito de autobuses?

-Si. O domingo haberá dous servicios de Monforte a Vilachá ás once e ás doce do mediodía, con retorno ás sete e ás nove da noite. Sairán da Compañía. Quero destacar tamén que fomos pioneiros nos controis preventivos de alcoholemia, que tamén teremos este ano. Agradezo ás forzas de orde público o seu traballo. Tratamos de evitar accidentes.