Preocupación polo futuro das tradicións populares

LEMOS

Os defensores da conservación de festas etnográficas temen que o cambio de goberno paralice os seus planos

22 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación cultural Lugopatrimonio e os colectivos que manteñen vivas as festas de maior interese etnográfico do sur lucense temen que o cambio de goberno na Xunta paralice os proxectos de conservación e promoción destas manifestacións de cultura popular. Nunha reunión que mantiveron recentemente en Monforte, os representantes de todas estas entidades manifestaron a súa intención de entrevistarse coas novas autoridades de Cultura, Turismo, Medio Rural e Vivenda para solicitarlles o seu apoio a estes proxectos.

O presidente de Lugopatrimonio, o escritor Lois Diéguez, di estar preocupado principalmente co futuro do proxecto de creación dun centro de interpretación das tradicións populares na aldea de Parada dos Montes, no municipio da Pobra do Brollón. «Esa iniciativa estaba aínda moi pouco avanzada e sería unha pena que non seguise adiante», comenta. Tampouco está clara a continuidade doutro proxecto que consistía en rehabilitar pequenas prazas públicas nas localidades de Salcedo (A Pobra do Brollón), Santiago de Arriba (Chantada), Cervela (O Incio), e Diomondi (O Saviñao), que sirven de escenario a diversos festexos ou que destacan polo seus valores arquitectónicos.

Iniciativas firmes

Diéguez, polo contrario, non teme que se paralicen outras iniciativas eque xa se encontran nun estado máis avanzado, como é o caso da construción de centros de interpretación da festa das fachas de Castelo, en Taboada, e do entroido Ribeirao en Santiago de Arriba. «Nestes casos a iniciativa depende en grande medida dos concellos e cremos que non existe o risco de que queden sen rematar», engade.

Os proxectos que manexan Lugopatrimonio e os demais colectivos céntranse sobre todo na conservación dos carnavais rurais de Chantada e Salcedo, a queima das fachas de Castelo e de Vilelos (esta última no Saviñao), as danzas da Cervela e a romería dos Remedios da parroquia quiroguesa da Ermida. Un dos seus obxectivos consiste en conseguir que se cree unha figura especial de protección para estes festexos e unha ruta turístico-cultural que os una. Segundo explica Diéguez, «non só se trata de impedir que desaparezan estas festas, ubicadas en lugares pequenos e moi castigados polo declive demográfico, senón tamén de aproveitar esas tradicións para fomentar o turismo e a economía, así que é importante que esta idea non quede frustrada».