Tradición oral e electrónica

LEMOS

Editan en Internet unha publicación sobre a cultura popular de Sober que tamén se distribuirá en papel

05 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación cultural O Colado do Vento e o grupo musical O Trícole acaban de editar unha publicación que recolle diversas mostras da tradición oral do municipio de Sober. O folleto, dunha vintena de páxinas, foi publicado cunha axuda da Consellería de Cultura e aínda non está dispoñible en papel, pero pode consultarse na súa integridade nunha coidada edición electrónica á que se accede a través da páxina de Internet da asociación, no enderezo Coladodovento.blogspot.com.

O libriño leva o mesmo título - Un pouquiño de tradición oral no Concello de Sober - que outro publicado por O Colado do Vento e O Trícole no 2002. Os responsables decidiron elaborar unha nova entrega porque o libriño editado hai sete anos, segundo explican, «é un dos máis consultados na biblioteca pública municipal e un dos máis reclamados polas xentes de Sober». Así mesmo, consideran que hoxe é aínda máis necesario esforzarse por rescatar e divulgar unhas tradicións populares que corren o risco de desaparecer en breve prazo a causa do «vertixinoso cambio nas comunicacións humanas», así como ao descenso demográfico e ao envellecemento da poboación que afectan de forma aguda a este municipio.

Aspectos variados

A publicación, a pesar da súa extensión limitada, reflicte aspectos moi variados da tradición oral da zona. Nas súas páxinas figuran lendas, contos populares, anécdotas, cantigas, coplas de entroido e algunhas notas sobre a toponimia e sobre crenzas e rituais.

As historias recollidas de boca dos veciños de diversas parroquias do municipio van desde as típicas lendas de castros, mouras e tesouros -de orixe inmemorial- ata un suceso violento rexistrado en Bolmente durante a Guerra Civil. Boa parte dos relatos refírense a un personaxe coñecido poloa alcume de Taboada que viviu en tempos no municipio e ao que se lle atribúen numerosas anécdotas e ditos.

As cantigas son cinco e todas elas aparecen acompañadas das correspondentes partituras, mentres que as coplas de entroido foron compostas e cantadas polos membros do Trícole durante os festexos do pasado ano.