«Foi unha grata sorpresa contar con tantos alumnos»

A POBRA DO BROLLÓN

O novo centro musical inicia a súa andadura esperando contribuír á dinamización cultural da comarca

23 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Natural de Escairón, Iván Pérez Rodríguez dirixe a escola municipal de música da Pobra do Brollón, que acaba de iniciar a súa actividade cunha notable aceptación popular. Cerca de noventa persoas inscribíronse xa no centro, aínda que os seus responsables esperaban comezar cunha trintena de alumnos.

-¿Están sorprendidos pola alta demanda?

-Foi unha grata sorpresa contar con tantos alumnos e que a xente mostrara tanto interese pola escola, aínda que ao ser tan alto o número de matriculados houbo que replanificar as clases e distribuír doutra forma os grupos. Viuse claramente que aquí había moita necesidade de contar con actividades deste tipo e os catro profesores da escola, que xa comezábamos con moitas ganas, agora estamos aínda máis motivados.

-¿Hai moitos alumnos que xa contasen con experiencia musical previa?

-Hai de todo. Temos alumnos de todas as idades, desde nenos 5 anos a persoas que pasan dos 70, e entre eles hai xente que nunca tivo ningunha formación musical e outra que xa participou en grupos de gaitas ou de danza e noutras formacións que houbo por esta zona. O alumnado está repartido en diferentes grupos, de acordo co seu nivel de formación.

-¿A escola xa está en pleno funcionamento?

-As clases comezaron a mediados de mes, pero o prazo de matrícula continúa aberto, así que o número de alumnos aínda pode aumentar máis. En decembro empezará a formarse o coro, que é un dos obxectivos da escola. No municipio xa houbo hai anos un coro e agora temos na escola unha parte dos seus integrantes, pero hai xente que é nova nestas cuestións. A nosa idea é formar tamén grupos de acordeón, gaita, baile e formacións mixtas. Cando estes grupos teñan suficiente nivel, comezaremos a ofrecer actuacións públicas, porque este proxecto pretende propiciar a creación de diversas formacións de música e danza que axuden á dinamización cultural do municipio e da comarca. Cremos que esta escola pode chegar a ter unha importante influencia como iniciativa cultural.

-¿Manexan outros proxectos para o futuro?

-Para o próximo ano, se é posible, intentarase ampliar a oferta con clases de piano e guitarra, porque hai xente que xa manifestou o seu interese en iniciarse tamén nestes instrumentos. Hai que sinalar que a escola tamén poderá axudar e encamiñar aos alumnos que desexen ampliar despois a súa formación estudando en conservatorios. Como músicos, unha das nosas maiores ilusións é contribuír a crear novos músicos e novas formacións.