A nai, a mellor fonte de leite do bebé

LUGO CIUDAD

A asociación Bico de Leite presentará en breve unha exposición baseada nun conto cun bucólico mundo de cor que rodea a unha muller embarazada

22 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Co suxerinte título Eu tamén son fonte, a asociación Bico de Leite inaugurará en Lugo o vindeiro 1 de decembro unha exposición, coa que pretende dar un novo impulso na cidade amurallada á sensibilización sobre a importancia da lactancia materna. A mostra, que se poderá visitar de balde ata o día 15 no centro social Uxío Novoneyra de 16.00 a 21.00 horas, está baseada nun conto que vén de publicar a editorial Galaxia e que naceu da iniciativa da Fedegalma, a federación galega de colectivos que apoian a lactancia natural, e o estímulo da Consellería de Sanidade.

Os evocadores textos de Teresa Moure mestúranse coas fermosas e coloristas ilustracións de Leandro Lamas. Xuntos conseguen amosar ao lector o bucólico mundo que se lle presenta á protagonista da historia, unha muller embarazada. «As casas non teñen esquinas», «as montañas son redondas e suaves» e «por primavera, tes a sensación de que algo novo vai acontecer», conta a narración.

Cando esa primavera acaba, e o neno nace, relata a protagonista do conto, «decides que o teu corpo experimente. Que sexa fonte da que abrolle nova enerxía. Que faga o que antes non vías aínda que estaba en todas partes». Deste xeito, na natureza a vaca dá leite ao seu becerro, a cabra amamanta ao seu cabuxo, a porca aos seus cochiños, a cadela ao seu cachorro... Aínda que ás veces non nos damos conta, todo está fóra, vén dicir o conto.

Coa colaboración da concellería de Educación de Lugo, en horario de mañá tamén visitarán a exposición alumnos de educación infantil da cidade amurallada.

Manual de extracción

O colectivo Bico de Leite aproveitará a inauguración da mostra para presentar un manual de extracción, conservación e manipulación do leite materno. A publicación pretende axudar ás mulleres en «período de aleitamento» que teñen que incorporarse á vida laboral e desexan seguir amamantando ao seu bebé. O último venres de cada mes, a asociación organiza a partir das cinco da tarde unha charla sobre aspectos máis concretos da lactancia materna, como poden ser a falta de leite, ou a relación entre a lactancia e o sono dos nenos.