A Fundación Germán Estévez pide axilizar a creación dos parques naturais lucenses

La Voz

LEMOS

A fundación ourensá Germán Estévez, dedicada á defensa do patrimonio natural e cultural, pediu á Xunta de Galicia que se esforce por axilizar o proceso de creación dos parques naturais do Courel e dos Ancares. Os responsables da entidade anunciaron que a semana próxima teñen previsto manter unha entrevista co secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Jorge Santiso, na que lle transmitirán esta petición.

O colectivo ecoloxista, por outro lado, pide que o Goberno autonómico invista 900.000 euros na mellora dos servizos en todos os núcleos de poboación que se vexan afectados directamente pola creación dos dous parques naturais. Ao seu xuízo, «é necesario establecer convenios de colaboración cos concellos das áreas afectadas e cos veciños para que sigan coidando os soutos de castiñeiros e sigan apostando pola dinamización turística e económica das zonas rurais».

Por outro lado, a fundación entende que a Consellería de Medio Ambiente «ten que apostar por divulgar, coidar e preservar as áreas naturais e á súa vez ampliar as zonas de protección coa fin de defender as paraxes de Galicia».

Os representantes deste fundación xa teñen reclamado con anterioridade ás institucións públicas que tomen medidas para favorecer o desenvolvemento socioecónómico e para conservar o patrimonio natural e cultural da Serra do Courel. Así mesmo, o colectivo ten levado a cabo recentemente campañas e favor de declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade por parte da Unesco.